Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A Consellería confirmou a concesión de 90.000 euros para melloras nas redes de abastecemento e saneamento

- As obras para previr inundacións continuarán cun terceiro proxecto na zona da Devesa, ao que se incorporarán tamén actuacións en Baño

ReuniónConselleiraMedioAmbiente

Valga, 10 de xullo de 2025.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez mantiveron esta mañá unha xuntanza de traballo coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, para tratar diferentes proxectos e iniciativas que afectan a Valga e que gardan relación con asuntos coma xestión de residuos, abastecemento ou saneamento. Na reunión participaron tamén outros representantes da Consellería coma o director de Augas de Galicia, Roi Fernández; e as directoras xerais de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría; e a de Patrimonio Natural, María Sol Díaz.

Durante o encontro, Bello Maneiro e a conselleria analizaron o desenvolvemento do Plan específico para a xestión de inundacións na área dos ríos Ulla e Sar. A Xunta de Galicia xa executou dúas actuacións na marxe dereita do río Valga e no espazo fluvial do río Louro, entre a estrada PO-548 e a vía do ferrocarril, nas que se investiron máis de 740.000 euros. Un terceiro proxecto está en fase de redacción para actuar no tramo do río Valga comprendido entre a liña férrea e A Devesa. Augas de Galicia está a supervisar o proxecto no que, a petición do Concello, se van a introducir modificacións que afectan ao lugar da Devesa. Ademais, incorporaranse novas actuacións na zona de Baño, para solucionar o problema de desbordamentos que afecta á estrada provincial EP-8506, na contorna da farmacia.

En canto ao saneamento, o rexedor trasladoulles aos responsables autonómicos de Medio Ambiente o interese do Concello en completar a rede de saneamento municipal para conectar todos os núcleos de poboación coa estación depuradora de augas residuais. Nesta cuestión, a conselleira propuxo ao alcalde a posibilidade de que Augas de Galicia faga un estudo en profundidade do estado da rede actual para determinar as obras que sería necesario acometer.

Ángeles Vázquez confirmou a Bello Maneiro que o seu departamento aportará 90.000 euros para realizar obras tanto na rede de saneamento como na de abastecemento para garantir a prestación de servizos de calidade á veciñanza. En concreto, acometeranse actuacións para evitar as filtracións ás tubaxes do saneamento e para reducir as perdas de auga na rede de abastecemento.

A maiores, na reunión a conselleira e o alcalde tamén abordaron a xestión dos residuos municipais e, en concreto, a solicitude municipal para continuar reforzando o servizo do Punto Limpo. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ten a disposición das entidades locais unha oficina técnica de asesoramento en materia de xestión de residuos municipais na que obter información sobre liñas de financiamento para a execución das melloras plantexadas. A isto engádense outras liñas de axudas que anualmente convoca a Consellería para incrementar a ecoeficiencia na xestión de residuos municipais.

Volver