- A cuadrilla estará formada por un xefe, un condutor e tres peóns e prestará servizo durante tres meses
- Os aspirantes terán que superar unha proba de esforzo, un exame práctico e unha entrevista
Valga, 8 de xullo de 2025.
O procedemento para contratar aos cinco membros da brigada contra incendios forestais que estará operativa en Valga durante este verán amplía o prazo de presentación de solicitudes ata o día 14 de xullo.
O Concello e a Consellería do Medio Rural contratarán, en réxime de persoal laboral temporal, a un xefe de brigada, un condutor e tres peóns, que prestarán servizo durante un período de tres meses para o desenvolvemento de accións de defensa contra incendios forestais. Entre as funcións e tarefas a realizar por este retén terá prioridade a extinción de incendios forestais, pero tamén levarán a cabo labores de prevención.
A contratación realizarase mediante o sistema de concurso-oposición. Para poder aspirar á praza de xefe de brigada requírese algunhas das seguintes titulacións: enxeñeiro de montes, enxeñeiro técnico forestal, técnico superior en xestión e organización de recursos naturais e paisaxísticos, técnico en traballos forestais e conservación do medio natural ou formación profesional equivalente. Para este posto e para o de condutor tamén é necesario estar en posesión do carné de conducir tipo B.
As persoas interesadas en formar parte desta cuadrilla teñen de prazo ata o venres para presentar as súas solicitudes no rexistro do Concello xunto á seguinte documentación:
- Copia do DNI
- Tarxeta de desemprego
- Copia do carné de conducir B (para os postos nos que é requerido)
- Copia da titulación necesaria, no caso de xefe de brigada
- Documentación acreditativa da experiencia profesional
A primeira parte da selección consistirá nunha proba física de esforzo realizada por unha empresa especializada e que deberán superar todos os aspirantes para poder pasar á segunda fase. Esta realizarase mediante concurso de méritos cunha proba práctica, na que os candidatos terán que realizar algunha tarefa propia do posto ao que se presenta, e unha entrevista persoal relativa aos coñecementos do aspirante sobre praza á que opta. Nesta fase avaliarase tamén a experiencia profesional que acrediten os candidatos.