- Parques, fontes, lavadoiros e outros espazos serán acondicionados por colectivos veciñais e centros educativos
- O Concello aporta os materiais para executar os traballos e outorgará premios de ata 500 euros
Valga, 27 de xuño de 2025.
O concurso “Embelecer Valga” conta este ano coa participación dunha trintena de proxectos de mellora e acondicionamento de espazos e dotacións públicas, promovidos por colectivos e comisións veciñais que buscan ser proclamados coma o lugar máis fermoso do concello.
Os inscritos e os seus respectivos proxectos son:
Modalidade “Obra nova”:
- Campaña: Creación de local social para actividades socioculturais
- IES de Valga: creación de xardín e mellora paisaxística
- Raxoi: recuperación de zona de xogos infantís
- San Miguel: recuperación de fonte
Modalidade “Mantemento”:
- A Medela: mantemento da fonte
- Balleas: limpeza e conservación do lavadoiro e mantemento do parque
- Barcia: melloras no parque
- Barro: acondicionamento do parque
- Beiro: actuacións no lavadoiro, parque a agro de arriba
- Canle: mantemento do parque
- Carballiño: acondicionamento do parque do Quinteiro
- Cerneira: acondicionamento de zona de lecer
- Cimadevila: mantemento do parque e da fonte
- CODI: actuacións de mantemento na contorna e no centro
- Colexio Baño-Xanza: melloras nos xardíns e patios
- Eiras: mantemento do lavadoiro
- Eirexe (Campaña): adecentamento da contorna da igrexa parroquial
- Escola Infantil Municipal: melloras en zonas exteriores e interiores
- Ferreirós: rehabilitación da contorna do talude da estrada PO-190
- Ferreirós – Parque: traballos de mantemento
- Gándara: mantemento do parque
- Laceiras: actuacións no parque
- Laxes: conservación do pozo da Lameira e axardinamento
- Miradoiro da Perdiz: restauración de banco de madeira e mantemento da zona
- Praza do Souto: traballos de acondicionamento
- Praza Vicente Cousiño: limpeza da fonte e mantemento
- San Miguel: acondicionamento da contorna do cruceiro
- Vilar – Parque: traballos de mantemento
- Vilarello: actuacións nos lavadoiros, parque, marquesiña e casa veciñal
Para participar no certame tiveron que formar unha comisión e presentar unha memoria descritiva das accións de mellora a desenvolver e os materiais que estiman precisos, ademais dunha reportaxe fotográfica do estado no que se atopa o lugar no que se levarán a cabo as actuacións. O Concello aportará o material para a execución das obras, que terán que estar rematadas na penúltima fin de semana de agosto, cando terá lugar a visita do xurado.
Á hora de outorgar os premios valoraranse aspectos como adecuación final á memoria presentada, a orixinalidade e a creatividade nos deseños e elementos decorativos, o aproveitamento dos recursos e materiais da zona, a conservación e deseño de espazos verdes coma xardíns e áreas recreativas, a recuperación de elementos existentes no lugar e o fomento da cultura e da tradición locais.
O proxecto mellor valorado na categoría de “Mantemento” será gratificado con 500 euros, o segundo levará 300 euros e o terceiro, 200 euros. Na modalidade de “Obra nova” os premios serán de 300, 200 e 100 euros. O resto de comisións participantes recibirán 100 euros.
Os gañadores daranse a coñecer o día 30 de agosto durante a celebración da XXXV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.
Este certame, que anualmente é convocado polo Concello, pretende implicar á veciñanza no coidado e rehabilitación de espazos e zonas comúns do municipio para o seu posterior desfrute por parte de toda a poboación.