- O 2 de febreiro, a Candeloria, e o 24 de xullo, Santa Cristina, serán non laborables o vindeiro ano
- Tamén saíron adiante a concesión á empresa Extrugasa para unha liña de media tensión e a protección da zona comercial de Ponte Valga
Valga, 26 de xuño 2025.
O Pleno, que celebrou onte unha xuntanza ordinaria, aprobou os festivos locais para o ano 2026, que serán o 2 de febreiro, un luns no que se celebran a festividade da Candeloria e a Procesión dos Lacóns; e o 24 de xullo, Santa Cristina. O grupo de goberno e o socialista votaron a favor, mentres que o BNG abstívose.
Ademais, tamén saíu adiante o inicio dos trámites para solicitar a declaración de Interese Turístico Nacional para a Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, que este ano cumpren a súa 35 edición e que, dende o ano 2013, gozan da consideración de Interese Turístico de Galicia. O goberno local, que votou a favor da proposta, considera que acadar esta declaración permitiría dar un pulo aos festexos que enxalzan estes dous produtos tradicionais valgueses, xa que facilitaría a consecución de financiación para as distintas actividades culturais, gastronómicas e lúdicas que se programan durante o mes de agosto. Neste punto, tanto BNG coma PSOE abstivéronse.
Outros dos puntos da orde do día referíanse ao Plan de Acción polo clima e a enerxía sostible (Paces) e ao Plan Municipal Cidade Saudable. En canto ao primeiro, levouse a Pleno o segundo informe de seguemento deste plan, unha iniciativa europea á que, en febreiro de 2020, se adheriu o Concello de Valga en consonancia co seu compromiso coa sostibilidade e a mellora ambiental. Pola súa parte, o Plan municipal Cidade Saudable dá prioridade á saúde dos habitantes valgueses na axenda social, económica e política do Concello. Ambos puntos foron aprobados co voto a favor do grupo de goberno e as abstencións de PSOE e BNG.
Tamén se debateu na sesión a concesión á empresa Extrugasa para unha liña de media tensión subterránea entre a subestación eléctrica que se está a construír na Medela e a súa fábrica de Campaña, cunha lonxitude aproximada de catro quilómetros. Neste asunto o grupo de goberno e o BNG votaron a favor e o PSOE abstívose.
Quedou tamén aprobado (con posicionamento favorable do grupo de goberno, en contra do PSOE e abstención do BNG) a delimitación da zona urbana de Ponte Valga como área comercial protexida, en aplicación do artigo 76.5 da Lei 5/2024 de 27 de decembro. O informe da arquitecta municipal indica que nesta zona concéntrase a meirande parte da actividade comercial do concello, co que se entende que “garantir a protección destes locais é imprescindible para a calidade de vida dos veciños”, xa que o comercio de proximidade facilita o acceso a bens e servizos, evitando a necesidade de desprazamentos a outras localidades e, ademais, xera empregos.
Por último, aprobouse por unanimidade unha moción do BNG na que se solicita ao Concello que estude a posibilidade de creación dun espazo de traballo colaborativo que facilite o labor dos emprendedores e atraia a novo talento local.
Na parte final da sesión, deuse conta ao Pleno de varios informes de Intervención sobre a execución orzamentaria e os prazos de pagamento correspondentes ao primeiro trimestre de 2025 e sobre a liquidación o orzamento de 2024.