Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Manuel Tanoira Vejo marchou a ultramar en 1884 e fixo fortuna no sector da panadería

- Ángeles e Felicitas Martínez Tanoira visitaron o pasado domingo a terra natal do seu devanceiro

VirxeLuján

Valga, 26 de xuño de 2025.

Manuel Tanoira Vejo, veciño do lugar de Eirexe (Setecoros), marchou de Valga en 1884, con 16 anos de idade, para “facer as Américas”. O seu destino: Arxentina a onde chegou cun baúl cun pouco de roupa, moitas ilusións e catro pesetas. En ultramar forxou unha nova vida e, a pesar das dificultades iniciais, chegou a facer fortuna.

As súas bisnetas Ángeles e Felicitas Martínez Tanoira regresaron este domingo a Valga para cumprir un dos desexos do seu devanceiro: facer unha doazón á igrexa de San Salvador de Setecoros. Porque Manuel naceu na casa máis próxima a este templo.

O domingo, na misa das 9:30 da mañá, Ángeles e Felicitas fixeron entrega ao párroco de Setecoros, Paulino Sánchez, dun mosaico de azulexo coa imaxe da Virxe de Luján, patroa de Arxentina, cunha placa na que se indica que é unha doazón da familia Martínez Tanoira.

Entre os asistentes, ademais de veciños e feligreses da parroquia, tamén se atopaban varios membros da familia Tanoira aínda asentados en Valga: María e Ramona Otero Tanoira, Paco Busto e Carmen Gil. “Foi un acto moi emocionante, porque a de Manuel é a historia de moitos emigrantes valgueses. As elas saltáronselle as bágoas”, din referíndose a Ángeles e Felicitas, que na súa viaxe a Galicia tamén aproveitaron para percorrer o Camiño de Santiago entre Sarria e Compostela.

Esta non é a primeira doazón que Manuel Tanoira e a súa familia fan á igrexa de Setecoros. Fai décadas, un fillo e un irmá do emigrante valgués tamén se desprazaran a Valga para entregar no templo de San Salvador unha custodia: a peza de orfebrería que se emprega para expoñer a hostia consagrada e que adoita sacarse en procesión en festividades coma o Santísimo. “Aquel día”, lembran os familiares, “fíxose unha festa moi grande para todos os veciños na casa natal de Manuel”.

A súa vida, nun libro

A historia de Manuel Tanoira Vejo aparece recollida no libro “Cómo e llega. Nuestros self-made men”, De Arturo Silvestre e publicado en 1931. Trátase dunha recompilación de entrevistas a persoas que “lograron o éxito a través do seu propio esforzo en Arxentina”, país ao que este valgués chegou o 10 de abril de 1884 en busca de traballo. Pero os comezos foron tan difíciles “que cheguei a lamentar ter marchado da miña casa, onde non me faltaba de nada”.

Pero ao final atopou traballo nunha panadería. Repartía o pan a cabalo, despois en carro... e recibía catro pesos ao mes, casa e comida. Pouco a pouco o salario foi medrando e, en 1893, converteuse en socio do seu, ata entón, xefe. Anos despois, en 1900, quedou coa totalidade do negocio, que pasou a chamarse Panadería Tanoira. A partir de entón todo foi sobre rodas: abriu varias sucursais, adquiriu terreos e muíños e chegou a facer unha fortuna.

O segredo do seu éxito? Manuel resumíao así en 1931: “Honradez e traballo. Cumprir con todo o mundo. A miña palabra no comercio valía tanto coma un pagaré”.

ManuelTanoira1        ManuelTanoira2

Volver