- As parroquias de Cordeiro e Xanza son as que rexistraron un maior número de peticións veciñais
- O Concello pide aos responsables das cacharelas que extremen a vixilancia para evitar incidentes
Valga, 20 de xuño de 2025.
O Concello de Valga tramitou un total de 119 solicitudes de permiso de veciños para prender fogueiras na noite de San Xoán. O prazo rematou este mediodía e a parroquia que rexistrou un maior número de solicitudes veciñais foi a de Cordeiro, cun total de 34. A continuación sitúase Xanza, con 30; seguida de Valga, con 23. En Campaña e Setecoros están autorizados 19 e 13 lumes, respectivamente.
Para cumprir coa tradición na noite máis curta do ano, os veciños tiveron que cubrir un impreso nas oficinas municipais indicando o lugar no que se realizará a fogueira, quedando esta baixo a responsabilidade do solicitante que, coa súa sinatura, se compromete a adoptar as medidas de seguridade necesarias para evitar incidentes e escapes do lume:
- Non facer moreas dunha altura excesivamente elevada para evitar problemas de seguridade
- Non facer a fogueira preto de lugares con vexetación
- Con exceso de vento non prender a fogueira
- Evitar usar nas cacharelas materiais que co vento poidan provocar un incendio (ramas de eucalipto, papeis, etc.)
- Ter auga preto para actuar ante posibles escapes do lume
- Non utilizar na fogueira materiais contaminantes (pneumáticos, aerosois, etc.)
- Deixar a fogueira completamente apagada antes de marchar
- No caso de ter problemas debe chamar ao 085 ou ao 112 (a chamada é gratuíta)
O listado completo de cacharelas autorizadas foi posto en coñecemento do Servizo de Defensa contra incendios do Distrito Forestal XIX Caldas-Salnés e dos servizos de emerxencias, que farán un seguimento para evitar posibles incidentes.