Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O historiador Diego Piay recolle a teoría de autores como José Guerra Campos sobre o enterramento do herexe nesta aldea de San Miguel

- Ademais de referencias a Valga, a publicación inclúe tamén imaxes da capela de San Mamede

NationalGeographic1

Valga,  19 de xuño de 2025.

Valga e o lugar dos Martores son protagonistas na edición especial de National Geographic sobre “O esplendor dos últimos romanos. A vida na Península Ibérica nos séculos III e IV”, a través dun artigo sobre o Priscilianismo.

A revista especializada en historia, ciencia e viaxes sinala a Os Martores como lugar a ter en conta no mapa peninsular co que abre a edición e, ademais, inclúe varias referencias a Valga no artigo “As revoltas relixiosas: O Priscilianismo”, incluíndo incluso unha fotografía da capela de San Mamede sobre a que se fai constar que “é un dos lugares posibles de enterramento de Prisciliano”.

A lenda rodea a esta pequena aldea da parroquia de San Miguel e á súa capela dende que autores coma o teólogo José Guerra Campos, apuntaron que sería o lugar no que foron soterrados Prisciliano e os seus discípulos. As súas teorías baséanse, principalmente, no estraño topónimo, único en Europa, de  “Os Martores”, vendo nel unha evolución de “Os Mártires”, nome co cal foron considerados os prisicilianistas executados en Tréveris (Alemaña) no ano 385.

O artigo que publica National Geographic está asinado por Diego Piay Augusto, arqueólogo e historiador pontevedrés que ten na figura de Prisciliano e no movemento do Priscilianismo un dos seus temas recorrentes de estudo co que, por exemplo, obtivo o doutorado Cum Laude e con mención internacional pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 2016. No texto, que pode lerse tanto na versión española coma na portuguesa da publicación, explica o xurdimento e expansión da corrente priscilianista crítica coa xerarquía episcopal e os bispos da época polo seu apego aos bens materiais e á opulencia. O choque entre ambas tendencias, que a piques estivo de romper a unidade do Cristianismo, rematou con Prisciliano executado por herexía e venerado como mártir polos seus seguidores.

É neste punto no que Diego Piay relaciona diferentes lugares posibles de enterramento dos restos de Prisciliano, entre eles Os Martores e a súa capela. A orixe desta construción remóntase ao século IV e no seu exterior consérvanse restos dunha necrópole medieval, en concreto dous sartegos antropomorfos. Nunha das restauracións realizadas na capela atopouse, ademais, unha ara romana do século IV dedicada a Mercurio, deus romano do comercio e dos viaxeiros. Este achado outorga a este lugar a consideración de centro de culto dende tempos inmemoriais.

NationalGeographic2 NationalGeographic3

Volver