- Foi colocada polos aprendices de carpintería do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia
- Na marxe contraria xa se instalara o pasado verán unha randeeira que tamén permite contemplar a contorna
Valga, 5 de xuño de 2025.
O módulo de carpintería do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia, trasladou onte a súa actividade á Mina Mercedes, onde procederon á colocación dunha nova peza de mobiliario que supón un atractivo máis para esta contorna natural reacondicionada a partir dunha antiga mina de extracción de arxila a ceo aberto.
Trátase dunha cadeira elevada que fai as funcións de miradoiro e que ofrece unha perspectiva en altura de practicamente toda a lagoa.
Este elemento foi construído o pasado ano polo alumnado do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia VII en madeira de pino vermello tratada, se ben quedou sen colocar. Foi agora cando os participantes nesta nova edición do obradoiro retomaron e completaron o proxecto coa colocación da cadeira na marxe da lagoa máis afastada da estrada PO-548, nas inmediacións da empresa Lema.
Na marxe contraria, xunto a un dos pantaláns, instalouse en setembro do pasado ano unha randeeira que tamén permite contemplar vistas da lagoa e gozar da contorna natural.