Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde e o delegado da Xunta en Pontevedra estiveron na apertura da actividade

- En tres sesións ofrécense ferramentas para manexar as contas persoais de forma responsable e protexerse de fraudes

FinanzasTodos1

Valga, 4 de xuño de 2025.

O Banco de España, ademais de desenvolver funcións de regulación e supervisión de conduta das entidades financeiras, contribúe tamén á educación financeira dos cidadáns a través de diversas iniciativas. Un exemplo é “Finazas para todos”, que de novo trae a Aula CeMIT de Valga un dos seus cursos.

As competencias financeiras son un compoñente básico da autonomía persoal, da empregabilidade e do benestar das persoas e, ademais, a dixitalización dos servizos xoga un papel moi importante á hora de garantir a inclusión financeira de todos os cidadáns e, en particular, daqueles segmentos da poboación que máis o necesitan. Sen desprazarnos da casa ou da oficina, podemos contratar produtos financeiros, escoller entre unha maior variedade de servizos, realizar operacións de pago (como domiciliacións, transferencias ou xestión de recibos) e consultar os movementos da nosa conta.

Pero aínda que a dixitalización favorece a inclusión financeira, non todas as persoas dispoñen da suficiente capacitación dixital para operar con fluidez e de forma segura en contornas dixitais en permanente cambio. Por iso é necesario proporcionarlles capacidades e coñecementos que lles permitan tomar decisións informadas e seguras, facilitándolles o acceso á banca dixital, co fin último de reducir a fenda tecnolóxica.

Con este obxectivo Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración co Banco de España, organiza esta nova edición da iniciativa “Finanzas para todos”, que ofrece coñecementos básicos e as ferramentas necesarias para manexar as finanzas domésticas e persoais de forma responsable e segura.

Este curso consta de tres sesións que se imparten no mes de xuño, abordando cuestións coma o orzamento persoal e os seus compoñentes (ingresos e gastos, aforro, investimento e endebedamento), que son punto de partida para unha xestión segura e saudable das finanzas domésticas. Tamén se analizarán casos prácticos sobre contas, tarxetas e formas de pago, ao tempo que se ensinará ás persoas usuarias como protexerse fronte á ciberdelincuencia nas operacións financeiras cotiás.

Coincidindo con esta xornada inaugural o alcalde, José María Bello Maneiro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, achegáronse á Aula CeMIT para saudar aos participantes.

FinanzasTodos2 FinanzasTodos3 

Volver