Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Seaga e Protección Civil retiraron no concello 353 niños deste insecto invasor dende o ano 2023

- A través do teléfono 012 calquera cidadán pode notificar o avistamento de niños

NiñoVelutina

Valga, 4 de xuño de 2025.

A Consellería do Medio Rural, a través da empresa pública Seaga, vén de colocar en Valga case cincuenta trampas de vespa velutina, como parte do plan de choque para evitar a expansión desta especie. A prioridade é actuar sobre os niños primarios, que son os primeiros en aparecer, para evitar, así, a formación de niños secundarios e a conseguinte emerxencia de futuras raíñas.

Para fixar o lugar de instalación das trampas levouse a cabo unha análise cos datos da ubicación de niños localizados o ano pasado. En 2024 foron un total de 61 os avisos de avistamento de niños aos que deu resposta o Seaga, o que representa unha baixada do 58% con respecto a 2023, cando foran 145. A estes hai que engadir os niños que foron retirados por Protección Civil: 69 en 2023, 66 en 2024 e 12 no que vai de 2025.

As trampas instaladas, que se revisarán cunha periodicidade de dez ou quince días, están xeolocalizadas, o que permite facer un seguimento e estudar a evolución cos datos recollidos. O obxectivo é acadar a máxima eficacia na loita contra a velutina, minimizando a afección desta especie en sectores produtivos coma a apicultura

A través do teléfono 012, calquera cidadán pode notificar o avistamento de niños deste insecto.

 

Volver