Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o día 16 de xuño

- As propostas económicas valoraranse á alza a partir dun canon mínimo de 100 euros máis IVE ao mes

bar VILARELLO

Valga, 30 de maio de 2025.

O O Concello de Valga vén de sacar a concurso a explotación da cafetería da praia fluvial de Vilarello, cun prazo de presentación de ofertas que permanecerá aberto ata o vindeiro 16 de xuño.

Segundo establecen as cláusulas administrativas, o servizo prestarase a risco e ventura dos concesionarios, retribuíndose cos ingresos que se deriven da explotación das cafeterías. Os adxudicatarios deberán aboar ao Concello un canon mensual mínimo por importe de 100 euros máis IVE, así como os demais impostos ou taxas que se deriven dos contratos. As ofertas económicas efectuaranse á alza partindo da citada cantidade de 100 euros.

As proposicións para tomar parte na licitación presentarase electronicamente en tres arquivos correspondentes á documentación administrativa, á proposición económica e á documentación cuxa ponderación depende dun xuízo de valor. A elección da oferta máis vantaxosa atenderá aos seguintes criterios: o maior canon ofertado, o proxecto de explotación e o equipamento e mobiliario co que se dotará ao local.

O contrato terán unha duración de dous anos e poderán ser prorrogados por mutuo acordo das partes sen que a duración total poida exceder de catro anos.

Corresponderá ao adxudicatario cumprir cunha serie de esixencias, como encargarse do mantemento, conservación e limpeza da totalidade do edificio, o aparcamento e o local anexo destinado a Aula da Natureza; así como a limpeza das papeleiras ou calquera acumulación de lixo en toda a contorna, incluíndo a praia e o parque. Tamén lle corresponderá o mantemento e limpeza do perímetro propiedade do Concello.

O establecemento non poderá pechar máis de tres días á semana. O horario de apertura ao público será, como mínimo, de 10:00 a 21:00 horas, podendo pechar entre as 14:00 e as 16:00. En todo caso, este horario poderá ampliarse ata o máximo legalmente establecido pola lexislación vixente.

Outras esixencias que recollen os pregos son:

   - Cumprir a normativa sobre hixiene e sanidade relativas á hostalería.

   - Exercer por si o contrato e non cedelo ou traspasalo a terceiros.

   - Manter os aseos equipados con xabón, toallas ou secadores, papel hixiénico, etc.

   - Manter en bo estado os locais, superficies, instalacións, maquinaria e equipamentos, así como realizar á súa costa as reparacións ou substitución dos elementos que o requiran.

   - Concertar pólizas de responsabilidade civil que cubran os riscos que se puidesen causar, directa ou indirectamente.

   - Reparar os danos ocasionados nas dependencias e mobiliario que se produzan por actividades propias do obxecto da concesión.

   - Ter ao persoal afiliado á Seguridade Social e en posesión do carné de manipulador de alimentos.

   - Non se poderán instalar máquinas comecartos que concedan premios en metálico nin máquinas recreativas dos tipos B e C. A instalación doutros aparellos ou máquinas de pasatempo estará suxeita á previa autorización do Concello.

   - Non se permitirá a práctica de ningún xogo de azar no que se utilicen apostas de diñeiro. 

Ao finalizar o contrato, o adxudicatario deberá deixar o edificio e os terreos en iguais condicións ás que se atopan actualmente.

Volver