- Tamén están xa trazados os camiños paralalos á vía que mellorarán as conexións e a accesibilidade na zona
- O investimento nesta actuación de reforzo da seguridade na contorna da vía férrea invístense preto de catro millóns de euros
Valga, 12 de maio de 2025.
As obras de supresión de dous cruces ferroviarios na parroquia de Cordeiro experimentaron un notable avance nos últimos meses, de maneira que xa comeza a cobrar forma a ponte que permitirá cruzar a vía con seguridade á altura do lugar de Castiñeiras, garantindo a conectividade entre ambas marxes da liña do tren entre Vilagarcía de Arousa e Santiago.
A primeira fase deste proxecto, froito dun convenio entre o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) e o Concello, consistiu na execución de obras de drenaxe para garantir a continuidade das canles de auga existentes, e movementos de terra e recheos para a cimentación da ponte.
Na actualidade estase a traballar nos estribos laterais e na colocación dos pilotes sobre os que se asentará a estrutura do paso superior. Terá 59 metros de lonxitude, un gálibo vertical de 7 metros e tres vans: un central de 21 metros e dous laterais de 19. Os dous carrís de circulación, un por cada sentido, serán de 3 metros de ancho e as beiravías de 0’50 metros. Adosadas a estas, senllas bandas de 1’80 metros nas que se instalarán un muro de protección, as beirarrúas, unha varanda e a valla antivandálica.
A ponte substituirá ao paso a nivel existente á altura do cruce de Castiñeiras, que segue operativo durante a execución das obras e está dotado de pavimento de caucho, sinalización luminosa e semibarreiras automáticas. O outro paso a nivel que se eliminará tiña carácter peonil e atópase na zona de Carracido
Continuación das estradas xunto á vía
Outra parte das obras consiste na continuación das estradas paralelas á vía do tren na marxe esquerda en dirección a Santiago, para manter a permeabilidade nas comunicacións e mellorar a seguridade.
Están proxectados dous tramos de vías entre os lugares de Laxes e Carracido e dende a praia fluvial de Vilarello ata Vilar. A lonxitude total será de 1’7 quilómetros. O trazado destes camiños xa está acondicionado, a expensas de aplicar, na fase final das obras, a capa de aglomerado.
O investimento total nestas actuacións aproxímase aos catro millóns, dos que o Concello aporta máis de 219.000 euros.