Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Tamén saiu adiante unha moción do BNG para estudar a creación dunha senda peonil polas parroquias de Campaña e Cordeiro

- Bello Maneiro indicou, nun debate sobre Altri, que “estivemos, estamos e estaremos sempre cos nosos veciños”

 

Valga, 7 de maio 2025.

O Pleno, que se reuniu onte nunha sesión ordinaria, aprobou por unanimidade a incorporación de Catoira ao convenio de promoción da igualdade polo que se prestan servizos coma o Centro de Información á Muller, entre outros. Este convenio foi subscrito inicialmente polos concellos e Valga e Moraña no ano 2014 e, posteriormente, en 2022, adheriuse tamén Pontecesures.

Aprobouse, igualmente por unanimidade, unha moción do grupo municipal do BNG na que solicita estudar a posibilidade de creación dunha ruta que percorra as brañas e veigas de Cordeiro e Campaña, entre os límites municipais de Catoira e Pontecesures. O alcalde, José María Bello Maneiro, sinalou que o goberno municipal leva tempo traballando nos proxectos de varias sendas peonís en diferentes zonas do municipio. “Algúns destes proxectos xa están redactados, outros presentados en Madrid xunto coa solicitude de fondos europeos, e outros en fase de redacción”, abondou o rexedor.

En concreto, un dos proxectos para as zonas de Campaña e Cordeiro discorre en paralelo á vía do tren. “Pola beira do río tamén existe outro proxecto de paseo fluvial, que leva anos presentado no Goberno Central sen que teñamos noticias. A escusa é que non existe deslinde definitivo”, explicou Bello Maneiro.

Na sesión debateuse tamén unha moción do grupo socialista sobre Altri que non foi aprobada e sobre a que o alcalde  indicou que “nós estivemos, estamos e estaremos sempre cos nosos veciños. Claro que temos as nosas dúbidas sobre a posible repercusión, pero se os técnicos din que non afectará non temos por que crer o contrario. Se nalgún momento se comproba que que pode haber afeccións, actuaremos en consecuencia de inmediato”.

Volver