Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A entidade está formada inicialmente por 11 municipios, pero son máis os interesados en adherirse

- Afianzar o cobro do 100% do IBI e a actualización catastral son os obxectivos máis inmediatos

AsociaciónAP9 1

Valga, 6 de maio de 2025.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez participaron esta mañá na sesión fundacional da Asociación de Concellos Galegos Afectados pola Autoestrada de Peaxe AP-9, un colectivo do que tamén forman parte, inicialmente, outras dez localidades: Abegondo, Cabanas, Ferrol, Narón, Neda, Ordes, Paderne, Padrón, Portas e Teo. Nace coma unha unión entre municipios para “loitar por unha causa xusta histórica”, tal e como reivindicaron durante a xuntanza celebrada en Abegondo e na que, ademais de constituír a entidade, asináronse os estatutos que rexirán o seu funcionamento.

A asociación queda aberta á incorporación dos demais concellos polos que discorre e autoestrada que queiran sumarse a esta fronte. De feito algúns xa confirmaron a súa intención de adherirse aínda que non puideron completar os trámites a tempo para a sesión constitutiva. É o caso de A Coruña, Oroso, Betanzos Miño, Cambre, Mesía ou Culleredo.

Na reunión desta mañá designáronse tamén aos representantes da agrupación. A proposta de Valga (que foi secundada polos demais presentes), a Presidencia será asumida por Abegondo. A Vicepresidencia recae sobre Neda; a Secretaría será exercida por Portas; a Tesourería, por Ordes; e Padrón, Narón e Cabanas actuarán como vogais.

O presidente, José Antonio Santiso, sinalou ao remate da xuntanza que “esta agrupación nace como fronte municipalista para defender os dereitos dos nosos veciños ante unha infraestrutura que nunca nos tivo en conta” polo que “é hora de que a concesionaria da AP-9 cumpra coas súas obrigas como calquera cidadán”. Amosouse confiado en que a asociación axudará a que “non baixemos nunca a garda e a que recibamos o que nos corresponde”.

De entrada, buscarase afianzar a situación do IBI e que a concesionaria aboe a todos os concellos o 100% deste imposto, como xa conseguiu Valga. Tanto a Deputación de Pontevedra como a da Coruña, que teñen delegada a xestión de tributos da maior parte dos concellos, xa xiraron o IBI completo de 2024 á empresa e avanzaron a súa intención de facer o propio cos catro últimos meses de 2023, cando finalizou a bonificación do 95% do imposto da que se beneficiou a concesionaria durante os últimos 50 anos.

Outro dos obxectivos é a actualización catastral, que se atopa sen executar dende 2007, para que sexa acorde á conxuntura actual e repercuta en maiores ingresos para os concellos.

AsociaciónAP9 2

Volver