- A actuación conta cun orzamento de case 50.000 euros do Plan +Provincia da Deputación
- Ademais de aglomerar a zona destinada a vehículos, tamén se mellorará a senda peonil xa existente
Valga, 24 de abril de 2025.
Na zona de Pontevalga deron comezo as obras de acondicionamento, para a circulación de vehículos, dunha vía que unirá a rúa Doutor de Oya Salgueiro, nas inmediacións da Casa do Concello, e a estrada municipal do Carballiño. A segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez, achegouse esta mañá ao lugar para comprobar o avance dos traballos, que foron adxudicados á empresa Construcións, Obras e Viais.
A vía, duns 80 metros de longo e 6 de ancho, discorre en paralelo á senda peonil que entrou en servizo a mediados de 2023. Deste xeito habilitarase unha conexión directa para vehículos entre a estrada do Carballiño e a N-550.
Os traballos a desenvolver inclúen a demolición de peches e muros existentes (coa súa posterior reposición), a limpeza e acondicionamento do terreo, a realización de canalizacións de electricidade e unha capa de aglomerado en quente de cinco centímetro de espesor. Ademais, reacondicionarase a senda de xabre para peóns e vehículos ciclables.
A actuación conta cun orzamento de case 50.000 euros e finánciase a través do plan + Provincia da Deputación de Pontevedra.