Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde destacou a “paixón pola terra e pola lingua” do historiador e investigador de Balleas, nomeado Fillo Predilecto en 1994

- O neto do ilustre galeguista referiuse á xornada de hoxe coma “un día de ledicia” porque “nos corazóns das xentes de Valga Don Xesús está moi vivo”

50FerroCouselo1

Valga, 23 de abril de 2025.
O 23 de abril de 1975 falecía o historiador e investigador valgués Xesús Ignacio Ferro Couselo. Hoxe, medio século despois, celebrouse no adro da igrexa de Santa Columba de Louro un acto conmemorativo no que participaron o alcalde, José María Bello Maneiro, e outros membros da Corporación Municipal; a directora territorial da consellería de Cultura e Lingua, Isabel Couselo; o neto de Ferro Couselo, Pablo Sánchez, e outros familiares e achegados do intelectual galeguista; os presidentes da Editorial Galaxia e da Fundación Penzol; alumnado e profesorado do colexio Ferro Couselo de Cordeiro e veciños que quixeron achegarse ata os arredores do templo parroquial para lembrar a figura deste valgués insigne, nomeado Fillo Predilecto de Valga no ano 1994.

O acto incluíu o descubrimento dunha placa conmemorativa colocada na base do busto que lembra a Ferro Couselo no adro da igrexa parroquial e nunha ofrenda floral na sepultura na que repousan os seus restos. Actuou a Escola Municipal de Música, co acompañamento de Pablo Dopazo á gaita, e o alumnado de Primaria do CEP Ferro Couselo fixo un repaso pola traxectoria do ilustre valgués ao que, ademais, dedicaron un poema escrito para a ocasión.

“Fai xa cento vinte anos
entre pinos e loureiros
nace un neno iluminado
na parroquia de Cordeiro.

Entre libros foi medrando
este mozo tan inquedo
pouco a pouco foi forxando
moitos recoñecementos.

Estudou Filosofía,
traballou como arquiveiro;
todo aquilo que aprendía
compartiu co mundo enteiro.

Foi humilde e estudoso,
foi calado e algo serio;
sobre todo, xeneroso,
contan os que o coñeceron.

As súas investigacións
en igrexas e mosteiros
conseguiron mellorar
o actual coñecemento.

Adicou os seus esforzos
á historia do galego
e estudou a “Vida e fala
dos nosos devanceiros”.

Xa foi ben enaltecido
e contado o teu labor
o que agora recibimos
en forma de inspiración.

Porque nesta túa terra
por moito que pase o tempo
saberán nenos e nenas
deste recoñecemento!

E na alma do colexio
para honra dun gran home,
é un enorme privilexio
poder levar o teu nome!

Hoxe van 50 anos
do día do teu pasamento
e por iso te cantamos:
Don Xesús Ferro Couselo.

Na súa intervención, o alcalde lembrou todas as iniciativas levadas a cabo polo Concello nos últimos anos para enxalzar a figura de “Don Xesús”. Ademais do xa citado nomeamento como Fillo Predilecto, a solicitude á Real Academia Galega para que lle dedicara o Día das Letras Galegas, feito que sucedeu en 1996; a instauración do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo, que vai xa pola edición número 26; darlle o seu nome á rúa de Balleas na que se atopa a súa casa natal e tamén ao colexio de Cordeiro. “Isto último simboliza o labor educativo, investigador e divulgador de Don Xesús”, subliñou o rexedor. Ademais, Bello Maneiro quixo agradecer “o vínculo que a familia de Don Xesús mantén con Valga e co Concello. Grazas ás súas aportacións o noso Museo conta cunha sala que pon en valor o legado e a figura de Ferro Couselo, para mantela viva entre nós”.

Os agradecementos foron recíprocos por parte do neto do lembrado persoeiro, en particular, dixo, “ao alcalde, que ten amosado de forma permanente unha sensibilidade e un recoñecemento pola figura e a lembranza de Ferro Couselo que vai máis aló do polítio e entra xa no compromiso persoal”. Pablo Sánchez lembrou o “compromiso vital do meu avó con Galicia” e coa lingua galega e fixo especial fincapé na vinculación que sempre mantivo coa súa terra natal: “Quedou perennemente enraizado nesta terra dende o 30 de xullo de 1906, o día no que veu ao mundo na casa do Novaíño no lugar de Balleas”. Na igrexa de Cordeiro foi bautizado e descansan os seus restos mortais e, aínda que a súa traxectoria vital e profesional o levou por lugares coma Santiago, Pontevedra, Vigo, Tui, Madrid ou Ourense, “a raíz da alma de Ferro Couselo sempre estivo en Valga e todos os anos viña coa familia a pasar o verán. Valga foi agradecida con meu avó e el sentiuno sempre así”.

Para o neto deste valgués ilustre “hoxe é un día de ledicia” porque “nos corazóns das xentes de Valga Don Xesús está moi vivo”.

50FerroCouselo2 50FerroCouselo3

50FerroCouselo4 50FerroCouselo5

Volver