Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Bello Maneiro, acompañado pola concelleira Carmen Gómez, agasallouna cunha placa conmemorativa, un ramo de flores e doces

- É a cuarta persoa de máis idade do municipio, despois de María Tarrío (102), Manuela Eiras e Benilde Castaño (101)

JoséPereira100 1

Valga, 17 de abril de 2025.

Valga conta cun novo centenario, José Pereira Comparada, veciño de Baño, que hoxe cumpre un século de vida. Por este motivo, recibiu a visita do alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez, que o felicitaron nunha data tan especial para el e para toda a súa familia, da que forman parte tres fillos, catro netos e seis bisnetos. Unha placa conmemorativa, unha torta na que apagou as candeas co número 100 e un ramo de flores foron os agasallos que recibiu do Concello.

José é o único home centenario de Valga e a cuarta persoa de máis idade do municipio, despois de María Tarrío (102 anos), Benilde Castaño e Manuela Eiras (as dúas con 101). Coñéceas ás tres e sobre elas estivo falando co alcalde. “Ten unha memoria espectacular, acórdase de todo”, comenta a súa filla Nela “e falar da xente e das historias de antes reláxao moito”.

El naceu na Canle (Cordeiro), foi á escola en Ferreirós e empezou a traballar como albanel cando aínda non cumprira os 14 anos. “Foi sempre moi traballador e ía ben lonxe na súa bicicleta, que levaba chea de niveis, caldeiros, etc.”, contan os seus achegados. O propio José lémbrase aínda de canto lle costou a bibicleta: “600 pesetas”. Ao casar con Josefa Otero Pardal trasladouse a vivir en Baño, onde continúa.

Tivo sempre unha saúde de ferro, algo que pode ser de herdanza xa que súa nai chegou a cumprir 103. Con 82 anos José “operouse da cadeira e foi cando estreou a cartilla da Seguridade Social, antes nunha tivera nada nin tomara ningunha medicación”, confirma a súa filla. Actualmente aínda conserva unha vista perfecta, de feito puido ler sen gafas a inscrición que tiña a placa conmemorativa que lle entregaron: “O Concello de Valga a José Pereira Comparada no día que cumpre os 100 anos”.

Actualmente leva unha vida moi tranquila. Levántase tarde, gústalle sentarse na eira da casa a falar cos veciños que pasan e, despois de comer, bota unha soneca. Ademais, é un verdadeiro fan de Pasapalabra, que é o único que ve na televisión.

O alcalde, durante a súa visita, díxolle que “é unha ledicia velo cumprir os 100 anos e vir a saudalo” e emprazouno para a celebración dos 101: “Para o ano volvemos”.

JoséPereira100 2 JoséPereira100 3

Volver