- Acompañouna na viaxe a Arxentina o director do Centro Superior de Música, Simón Ibáñez
- Entre o público que se deu cita no Teatro incluso había valgueses residentes no país austral
Valga, 14 de abril de 2025.
Os músicos do Centro Superior de Música de Valga continúan a percorrer algúns dos escenarios máis relevantes a nivel internacional a través do Promotion Program, unha iniciativa coa que o CSM Galicia trata de achegar ao seu alumnado á realidade profesional, abríndolles a oportunidade de amosar o seu talento en recitais e concertos en teatros de prestixio mundial.
O último caso foi o de Ariadna Landrove, que o pasado venres actuou como solista, tocando a frauta traveseira, no emblemático Teatro Colón de Mar del Plata (Arxentina). Acompañouna a Banda Sinfónica Municipal de Mar del Plata, baixo a dirección do maestro José María Ulla. A moza, natural de Ferrol, interpretou o concerto de Mozart para frauta en Sol Maior e, para pechar a velada, compartiu escenario coa saxo Natalia Rodríguez e co clarinetista Gonzalo Borgognoni para tocar “Nana”, de Manuel de Falla.
O director do Centro Superior de Música, Simón Ibáñez, tamén se desprazou ao país sudamericano para asistir ao concerto e, entre o público, incluso había valgueses residentes en Arxentina que acudiron ao teatro ao ter coñecemento de que actuaba unha alumna do CSM.
Aos seus 21 anos, Ariadna Landrove xa ten vivido outras experiencias internacionais no mundo da música. Por exemplo, no pasado mes de decembro viaxou a Viena para tocar coa Filasteen Young Musicians Orchestra, unha agrupación xuvenil apadriñada pola Fundación Baremboin-Said. A nivel nacional, ten actuado con orquestras coma Madrid Sinfónica Décimo Arte ou a malagueña Sinfónica Orbis.
Os seus inicios no mundo da música remóntanse a cando era tan só un nena, con cinco anos, tocando a gaita no Padroado de Cultura de Narón. Pouco despois, cando se incorporou ao Conservatorio de Ferrol, cambiou de instrumento e elixiu a frauta, coa que está a sobresaír entre os músicos da súa xeración, ao tempo que completa os seus estudos do Grao Superior de Música no CSM.