Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

-  O alcalde acompañou no acto á autora do libro, Clara Pino, e á artista valguesa

-  A obra fai un percorrido por oficios desempeñados tradicionalmente por mulleres: leiteiras, lavandeiras, labregas…

Trobadoras1

Valga, 12 de abril de 2025.
O Auditorio Municipal acolleu a presentación do libro “As trobadoras silenciadas”, o segundo poemario que asina Clara Pino e que conta, coa participación da artista valguesa Ángeles Garrido, que é a autora das ilustracións que acompañan aos versos. O alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros Carmen Gómez, Malena Isorna e José Ángel Souto asistiron ao acto.

“As trobadoras silenciadas” é o segundo poemario de Clara Pino (Vigo, 1972). Nel, a autora fai un percorrido íntimo por aqueles oficios desempeñados tradicionalmente por mulleres que foron o gran piar de moitos sectores da economía da nosa terra. Traballadoras como as muiñeiras, leiteiras, lavandeiras, redeiras, labregas, costureiras e moitas outras que realizaron tarefas duras e pouco recoñecidas e que abriron o camiño na loita pola igualdade.

Na presentación participaron a propia autora, que ademais ofreceu unha actuación musical coa arpa; Arantxa Amatriaín, de Editorial Elvira; e Ángeles Garrido, que realizou dezasete ilustracións para acompañar a cadanseu poema e para a tapa do libro.

A artista valguesa, que é mestra de pintura de Clara Pino, explica, sobre a xénese deste proxecto, que a escritora quería que “este fora un libro por e para mulleres e, por iso, apetecíalle que fora outra muller a que fixera as ilustracións. Eu non lle puiden dicir que non”. As ilustracións de Ángeles Garrido, que ten na muller unha temática recorrente na súa obra, son “costumistas e están inspiradas nos propios poemas de Clara e nas historias que me contaban as miñas avoas sobre leiteiras, muiñeiras, etc. As pinceladas son toscas e lembran ao rural, ás mulleres rudas que pelexaban por conseguir moitas das cousas que hoxe temos. Foron loitadoras que, a o longo da historia, deixaron a súa pegada con coraxe e determinación”.

“A valentía” que transmiten as mulleres protagonistas do libro “foron fonte de inspiración para mín e permitironme plasmar en cada ilustración a súa esencia”, engade Ángeles. “Cada trazo foi pensado para capturar non só as súas historias, senón tamén as emocions, as loitas e os logros que definiron as súas vidas e por ende as nosas”. En canto ao libro, en xeral, a pintora de Vilar enténdeo “non só como un reflexo das mulleres que marcaron a historia, senón tamén daquelas que seguen xerando cambios” na actualidade.

Trobadoras2 Trobadoras3

Volver