- A festa celebrarase o domingo 18 de maio no recinto do colexio Ferro Couselo
- Haberá autobuses gratuítos, concerto da Banda Municipal, xantar e sorteo de agasallos
Valga, 11 de abril de 2025.
O domingo 18 de maio é a data na que se celebrará unha nova edición do Encontro da Terceira Idade, a número vinte e sete, unha homenaxe á poboación máis veterana de Valga, que poderá participar nunha xornada de confraternidade entre veciños e con diversas actividades lúdicas.
Neste festexo poden participar os veciños que teñan cumpridos 65 anos ou que os cumpran durante este ano 2025. Nestes días estáselles a informar por carta sobre os detalles da celebración, que terá lugar no recinto do colexio Xesús Ferro Couselo. Para asistir haberá autobuses gratuítos, con parada nos lugares habituais.
As inscricións poden realizarse presencialmente no Concello, a través dos números de teléfono 986 55 94 56 (Concello) e 986 55 67 69 (Auditorio) ou enviando un correo electrónico ao enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. O prazo para anotarse estará aberto ata o día 2 de maio.
O programa de actividades previsto para ese domingo dará comezo ás 13:00 horas coa actuación da Banda de Música Municipal de Valga e, a continuación, terá lugar un xantar popular. No transcurso da xornada haberá sorteo de agasallos doados por casas comerciais e entidades de Valga e da contorna e tamén se entregará un recoñecemento ao home e a muller de maior idade que participen no encontro, así coma aos asistentes que estean de aniversario.