- Establécense dúas categorías con premios entre 100 e 40 euros
- As obras poden presentarse ata o día 9 de maio no Concello ou no propio instituto
Valga, 10 de abril de 2025.
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello organiza a segunda edición do Concurso de Microrrelatos como parte da programación conmemorativa do Día das Letras Galegas, que se celebra o vindeiro 17 de maio e que este ano está dedicado ás cantareiras, como representantes da poesía popular oral.
Este certame, dirixido a estudantes de Educación Secundaria matriculados no IES de Valga, ten como obxectivo promover o uso da lingua galega no ámbito educativo, en concreto fomentar a lectura e a expresión e comprensión escrita da nosa lingua.
A participación no concurso será individual e só se poderá presentar un microrrelato por persoa. Establécense dúas categorías. A categoría A diríxese a alumnado de 1º e 2º da ESO. Os microrrelatos estarán redactados integramente en galego, cunha extensión mínima de 250 palabras e máxima de 350. A temática será libre, tendo como protagonista a algún personaxe da mitoloxía galega. Outorgaranse dous premios de 80 e 40 euros, respectivamente.
Na categoría B poden participar estudantes de 3º e 4º da ESO. Os relatos terá unha extensión entre 350 e 500 palabras e, aínda sendo o tema libre, o protagonista debe ser un personaxe das obras dalgún dos autores homenaxeados no Día das Letras Galegas dende a súa instauración. Neste caso os premios ascenderán a 100 e 50 euros.
O xurado valorará a orixinalidade, a creatividade, a imaxinación e a calidade literaria.
Os microrrelatos presentaranse, baixo pseudónimo, no rexistro de entrada do Concello ou no propio IES. Nun sobre grande introducirase o microrrelato asinado cun alias e outro sobre pechado cos datos persoais do autor. O prazo estará aberto ata o 9 de maio.