Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os dezaseis participantes no proxecto están a aprender os oficios de albanelería e traballos forestais

- O proxecto, que busca mellorar a empregabilidade dos aprendices, está promovido polos concellos de Valga, Moraña e Portas

XóvenesBuscaEmprego1

Valga, 31 de marzo de 2025.

O Obradoiro de Emprego Xóvenes, proxecto promovido polos concellos de Valga, Portas e Moraña, continúa desenvolvendo o programa de formación dos seus dezaseis participantes, que están a aprender as profesións de albanelería e traballos forestais. Como complemento a estas dúas especialidades, tamén se imparten outros módulos transversais coma o de inserción laboral e técnicas de busca de emprego, para axudarlles a atopar oportunidades no mercado laboral unha vez remate o Obradoiro.

Este módulo, de 15 horas de duración, deu comezo nas últimas xornadas e é impartido por unha técnica do Programa Integrado de Emprego de Cuntis, Campolameiro, Portas e Moraña. Entre os obxectivos desta formación están os de dar a coñecer aos participantes a situación actual do mercado de traballo, as competencias profesionais e laborais que facilitan o acceso ao mesmo, as características do persoal máis demandado polas empresas e os recursos dos que dispoñen para atopar un emprego, xa sexa por conta allea ou como emprendedores.

Tamén se lles explican os diferentes canais que existen para a busca de emprego e ofrécenselles consellos para afrontar unha entrevista de traballo ou probas de selección.

Para mellorar a empregabilidade dos aprendices, dende a dirección do obradoiro tamén se lles axuda na elaboración dos seus currículos e, ademais, realízanse de xeito continuo tarefas de intermediación laboral con empresas da zona para detectar oportunidades de inserción para eles.

O Obradoiro de Emprego Xóvenes é cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus no marco do programa FSE + Galicia 2021-2027.

XóvenesBuscaEmprego2

Volver