- Todos tiñan un interese común: achegarse á historia vital e artística da Bella Otero
- Un dos grupos tamén se desprazou ata as fervenzas de Raxoi e Parafita, para percorrer a ruta pola beira do río Valga
Valga, 28 de marzo de 2025.
O Museo da Historia de Valga continúa a divulgar o patrimonio e os persoeiros máis relevantes do noso concello e esta semana recibiu visitas de varios grupos de persoas chegadas dende distintos puntos de Galicia: Rianxo, Ribeira, Portosín, Nigrán ou A Coruña. E todos os visitantes tiñan un denominador común: o seu interese na figura da Bella Otero que repudiada no seu día, se ten convertido na actualidade nun gran expoñente para Valga.
Á raíña da Belle Époque está dedicada una planta completa do Museo, na que se poden ver, entre outros materiais e documentos, a súa partida de bautismo, diversas publicacións sobre a súa traxectoria vital e artística, réplicas dos seus vestidos, postais coa súa imaxe, pezas audiovisuais que relatan a súa historia, tan dramática coma exitosa, e o único vídeo que se conserva dunha actuación súa: gravado en San Petersburgo en 1898 por un empregado dos irmáns Lumière.
Pero ademais a historia da bailarina, os visitantes tamén puideron achegarse a outros valgueses relevantes coma Xesús Ferro Couselo ou o Pai Isorna, descubriu algúns dos tesouros arqueolóxicos e patrimoniais que agocha o noso municipio, coma un capitel orixinal do "estilo Setecoros” ou coñecer a riqueza natural de Valga.
O grupo que pasou hoxe á mañá polo Museo aproveitou, ademais, para achegarse a outro dos recunchos que máis visitantes atrae a Valga: as fervenzas de Parafita e Raxoi, unha xoia natural agochada nas ribeiras do río Valga. Esta ruta tamén permite contemplar dúas tipoloxías diferentes de muíños de auga: un de cubo e outro de canle.