Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Trátase dun robot para o control do crecemento de cultivos agrarios e un exoesqueleto para monitorizar a actividade de operarios industriais

- Bibiana Bértoa, coordinadora dos traballos, destaca que a participación valguesa está a ser “un éxito”, xa que os proxectos espertan moito interese entre os asistentes

FPInnova1

Valga, 27 de marzo de 2025.

O IES Plurilingüe de Valga está a participar esta semana no Congreso FP Innova Galicia con dous proxectos de innovación tecnolóxica que, no seu día, foran premiados pola Dirección Xeral de Formación Profesional da Xunta, que concedeu ao centro un total de 39.000 euros para o seu desenvolvemento. O resultado dos dous proxectos  pode verse dende onte e ata mañá na Cidade da Cultura, nunha feira con máis de 4.000 metros cadrados de zona expositiva na que participan un total de 35 centros educativos, co obxectivo de difundir a innovación didáctica e tecnolóxica e a capacidade de emprender na que está inmersa a Formación Profesional galega.

A representación valguesa neste evento está liderada por Bibiana Bértoa, coordinadora dos dous proxectos e Xefa de Estudos de adultos, e alumnado dos ciclos de Agraria, Mantemento e Mecatrónica.

Un dos proxectos cos que participan é “Agricultura de precisión en cultivos galegos KM0”, que pretende poñer en valor a agricultura de proximidade. Trátase dun robot para o control do crecemento e tratamento de cultivos, cuxa estrutura se corresponde á dun robot de coordenadas cartesianas. Esta proposta combina robótica, visión artificial e IoT. O obxectivo do aparello é manter o cultivo en perfecto estado, avisar e actuar en caso de doenzas na planta, rexistrar o crecemento e detectar o momento axeitado para a recollida dos froitos. Ademais, o sistema é capaz de detectar a necesidade de auga mediante sensores.

Esta tecnoloxía é aplicable a invernadoiros, avanzando na automatización das labores agrícolas, optimizando os procesos de cultivo e maximizando os beneficios. Colaboraron no seu desenvolvemento as empresas O Forno Garden e Almacéns AgroUlla, ambas de Valga, e tamén Gerca, Acero y Metal (Vimianzo).

O segundo proxecto do IES de Valga que pode verse en FP Innova é “Ergoprotect”, consistente nun equipo de prevención individual que se compón dun exoesqueleto conectado a un reloxo intelixente que serve para o control e a monitorización da actividade do usuario e das características prexudiciais do entorno (posición corporal da persoa, ruído, temperatura, humidade, gases...).

Está pensado para a súa aplicación en ámbitos coma o industrial, no que  o persoal está exposto a ambientes de traballo que poden afectar seriamente a súa saúde, ben sexa por ergonomía, por seguridade ou por hixiene laboral. Mediante unha central de monitorización xeraranse as alertas para notificar o traballador, a través do reloxo, as incidencias corporais, físicas ou ambientais.

As empresas colaboradoras son Suministros Técnicos del Noroeste, Sutenor (Arteixo), Mar Technologies 5.0, SL (Mos) e Maker Store by AllNet (A Coruña).

Bibiana Bértoa destaca que a participación do IES de Valga en FP Innova está a ser “un éxito” e que os proxectos están a espertar gran interese entre os asistentes á feira, que seguirá aberta no Museo da Cidade da Cultura esta tarde de 16:00 a 19:00 horas e mañá de 10:00 a 14:00.

FPInnova2        FPInnova3 

Volver