- As participantes elaboraron un bálsamo con cera e aloe vera e tamén unha exfoliación para as mans
- As sesión deste programa gratuíto desenvólvense os luns pola mañá e os xoves pola tarde
Valga, 26 de marzo de 2025.
O programa de autocoidado impartiu nas últimas semanas un obradoiro de cosmética natural. Tratábase da primeira ocasión na que se desenvolvía esta iniciativa, que xerou gran interese e tivo unha gran acollida entre as participantes.
Inma Mendoza foi a docente que estivo á fronte da actividade, na que se elaboraron dúas preparacións. Por unha parte, unha exfoliación para mans con azucre, mel, cacao e fariña de améndoa. E, por outra, un bálsamo para o que empregaron aceite de améndoa e oliva, cera de abellas e aloe vera, para incrementar as propiedades. Á emulsión resultante engadíronlle vitamina E a modo de conservante e aceites esenciais. Por último, durante as sesións, tamén se fixo unha primeira aproximación ao macerado con plantas, empregando caléndula e herba de San Xoán.
O programa de autocoidado desenvólvese de xeito gratuíto dende o pasado mes de novembro no Auditorio Municipal ,co obxectivo de promover o benestar físico, emocional e social. Esta é a segunda edición, con dúas sesións semanais que teñen lugar os luns pola mañá e os xoves pola tarde. Deste xeito trátase de favorecer a conciliación, de maneira que os participantes poidan elixir entre o horario que mellor se lles adapte. Actualmente conta con 46 inscritas e, aínda que a maioría son mulleres, trátase dun programa aberto a todos os públicos.
Entre as actividades que se realizan hainas físicas, coma ioga ou andainas polo concello, pero tamén se traballa cunha psicóloga a xestión das emocións e do estrés.