- O C.D. Sar Extramundi e o Sálvora C.F. proclamáronse campións das competicións, nas que participaron 32 equipos
- A vindeira fin de semana dispútanse outros dous torneos de categoría prebenxamín e alevín
Valga, 21 de maio de 2018.
O campo municipal de Baño recibiu a máis de dúas mil persoas durante a fin de semana, coa disputa de senllos torneos organizados polo Cordeiro Fútbol Base e nos que participaron un total de 32 equipos. O sábado, o campionato de categoría benxamín congregou arredor de 1.300 persoas entre xogadores, técnicos, pais e outros familiares dos rapaces. O domingo o torneo de biberóns reuniu a unhas 850 persoas, segundo os cálculos da organización.
No tocante á competición, o C.D. Sar Extramundi proclamouse campión en categoría benxamín, seguido da E.D. Arousa, C.D. Lugo e S.D Aguiño. Disputouse tamén unha fase de consolación na que o Moraña C.F. se clasificou como primeiro, o C.F. Carreira foi subcampión e A.D. Nicrariense e S.D. Villestro ocuparon o terceiro e cuarto postos, respectivamente.
Os oito equipos recibiron trofeos e os seus integrantes medallas, que lles foron entregadas polo alcalde, José María Bello Maneiro, e o concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro.
Participaron tamén neste torneo o Arosa Promesas, Ulla C.F., Cordeiro C.F. Escola de Fútbol Municipal de Boiro, Santiago, C.D. Dodro, Bertamiráns F.C. e Arousa F7, que tamén recibiron medallas.
Na xornada dominical e tamén con dezaseis equipos na competición de biberóns, o Sálvora C.F. foi campión, o Arosa S.C. subcampión e clasificáronse terceiro e cuarto o Cordeiro C.F. e E.F.M. Boiro. Na fase de consolación gañou o Moraña C.F., seguido da E.F.B. Vilanova, Atlético Cuntis e S.D. Esclavitud.
O resto de participantes foron Arosa Escola, E.F.M. Boiro “B”, Compostela S.D., Céltiga F.C., S.D. Villestro, Xuventú Oroso, A.D. Nicrariense e Victoria F.C. Na entrega de trofeos e medallas participaron tamén o alcalde e o edil da área de Deportes.
Aínda que máis aló do resultado, os nenos puideron gozar dunhas xornadas de actividade deportiva e convivencia que se repetirán na vindeira fin de semana, para a que o Cordeiro Fútbol Base ten organizados outros dous torneos de categorías prebenxamín e alevín.
O Concello colabora nestas actividades deportivas cedendo as instalacións municipais e o equipo de megafonía, aportando os trofeos e medallas e mobilizando persoal como efectivos do Grupo de Emerxencias e da agrupación de voluntarios de Protección Civil.