- É a terceira muller de máis idade de Valga, despois de María Tarrío (102) e de Benilde Castaño (101)
- A centenaria reúne hoxe a 35 membros da súa extensa familia para festexar o aniversario
Valga, 24 de marzo de 2025.
Manuela Eiras Castiñeira, veciña de Ferreirós (Cordeiro), está hoxe de celebración. Cumpre 101 anos e, como é costume cando os centenarios valgueses están de aniversario, o alcalde, José María Bello Maneiro, acudiu a visitala e a felicitala. Fíxoo acompañado pola concelleira Carmen Gómez e acudiron con varios agasallos, coma un ramo de flores e diferentes doces.
“Nela de Catalina”, como é coñecida popularmente Manuela, pode presumir de ter unha extensa familia. Tivo nove fillos, un deles falecido, e conta con catorce netos, dezanove bisnetos e un tataraneto. Unha parte destes achegados, arredor de 35, reuníronse hoxe en Ferreirós para acompañar á homenaxeada nunha gran festa na que non faltou de nada: dende aperitivos e vermú ata polbo á feira e carne. Algúns dos comensais chegaron dende Madrid, a onde emigraron varios fillos de Manuela. Os compromisos laborais impediron que hoxe puidera estar a familia ao completo, pero en Semana Santa si se xuntarán todos para celebrar de novo o aniversario de Nela. “Ela merece dúas festas”, sinala a súa filla pequena, Ana María Ferro.
Aínda que nos últimos días estivo un pouco pachucha, Manuela goza dunha boa saúde e ten as súas rutinas marcadas. Entre elas realizar tarefas de escritura para manter a mente activa e ver as novelas na televisión. Durante a visita do alcalde, mantivo con el unha fluída conversa, xa que de sempre o rexedor e a centenaria mantiveron unha estreita relación. “José María, para o ano outra vez”, emprazouno como despedida.
Nela é a terceira veciña de máis idade de Valga, despois de María Tarrío (de Eiras) con 102 anos e de Benilde Castaño (de Laxes), que fai tan só uns días cumpriu 101.