- O proxecto, que acaba de licitarse, inclúe melloras na fachada e na recollida de augas, a substitución da carpintería exterior e de sanitarios
- Nos últimos meses xa se actuou sobre a cuberta e o sistema de climatización e actualmente estase a colocar unha nova pista de linóleo
Valga, 24 de marzo de 2025.
Os traballos de posta a punto e renovación do pavillón polideportivo de Baño avanzan un chanzo máis coa licitación dunha nova obra que incluirá o recubrimento da fachada con paneis sandwich, a mellora da drenaxe para a recollida de augas pluviais, a substitución da carpintería exterior deteriorada e a renovación de aparellos sanitarios nos vestiarios e aseos.
O investimento que se destinará a estas actuacións de acondicionamento e reparación do pavillón ascende a 110.897’36 euros, que se financiarán a través dunha subvención do Plan Extraordinario de Infraestruturas deportivas da Deputación Provincial.
O recinto deportivo, que está a piques de cumprir trinta anos de antigüidade, conta cunha superficie aproximada de 1.500 metros cadrados, repartidos entre a pista polideportiva, os vestiarios, aseos e gradas. Son numerosas as actividades, tanto federadas coma non federadas que se realizan, promovidas tanto polo Concello coma por clubs, centros educativos e outros colectivos. Fútbol sala, baloncesto, tenis, patinaxe ou judo son algunhas das disciplinas que se practican neste pavillón.
Co obxectivo de manter a calidade das instalacións e potenciar a realización de actividades deportivas por parte dos veciños, o Concello puxo en marcha dende fai meses un plan de renovación, por fases, deste pavillón. Na segunda metade do pasado ano colocouse unha nova cuberta na zona de vestiarios e mellorouse o sistema de climatización dotándoo dunha bomba de calor aerotérmica para calefacción e auga quente.
Ademais, nas últimas semanas, colocouse unha nova pista para a práctica deportiva, de linóleo acústico con tratamento antiestático.
Nestas dúas actuacións investíronse máis de 108.000 euros.