Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A actividade divídese en dúas sesións fixadas para os xoves 24 e 31 de maio

- Explicarase como gardar contactos, o acceso ás redes móbiles e wifis, enviar e recibir mensaxes de WhatsApp, fotos ou vídeos e outras dúbidas que plantexen os asistentes

moviltableta

Valga, 21 de maio de 2018.

A Aula CeMIT imparte os xoves 24 e 31 de maio un taller presencial sobre o uso do teléfono e outros dispositivos móbiles como as tabletas dirixido a persoas de 60 anos de idade ou máis.

A actividade “Ao lado dos nosos maiores: uso do móbil e da tableta” é organizada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), dependente da Xunta, coa colaboración de Orange. Será persoal desta empresa o que se desprace a Valga para impartir as dúas sesións do obradoiro, que se desenvolverán de 10 a 12 horas. É importante salientar que os participantes non teñen que se clientes de Orange, senón que poden ter contratado a calquera operador.

O obxectivo principal do taller é ensinar aos inscritos as pautas básicas do funcionamento das tabletas e móbiles, así como solucionar as dúbidas que poidan ter para facer a súa experiencia máis doada, que adquiran unha maior autonomía persoal e que se familiaricen coa tecnoloxía móbil. Os contidos a tratar serán: como acceder ás redes móbiles e wifis, enviar e recibir mensaxes de WhatsApp, enviar fotos, vídeos e mensaxes, gardar os contactos e todas aquelas dúbidas que lles poidan xurdir no uso normal do teléfono ou da tableta.

Para participar na actividade é necesario inscrición previa. Pode facerse premendo no seguinte enlace https://cemit.xunta.gal/gl/actividade/24721 ou na Aula CeMIT, emprazada no Auditorio Municipal.

Volver