• A actividade foi organizada polo Centro de Información á Muller para conmemorar o 8-M
• Os inscritos recibiron varios agasallos, coma chalecos reflectores, chaveiros e lapiseiros
Valga, 16 de marzo 2025.
Arredor de cento vinte persoas participaron esta mañá na andaina “Camiñamos pola igualdade”, organizada polo Centro de Información á Muller (CIM), conxuntamente cos concellos de Valga e Pontecesures, como parte das conmemoracións do Día Internacional da Muller.
Os camiñantes percorreron un traxecto de 12’5 quilómetros polos dous concellos veciños, con saída e chegada no CODI, en Baño. Dende alí o grupo dirixiuse pola senda do Carballiño cara a Pontevalga para atravesar o Parque Irmáns Dios Mosquera e continuar cara San Miguel. Alí enlazaron co trazado do Camiño Portugués en dirección a Pontecesures, pasando por Condide, o Camiño do Regadío ou o Pino Manso. Na prazuela pontecesureña estableceuse un punto de avituallamento e, despois, retomouse o percorrido pola beira do río Ulla cara A Devesa. A última parte da ruta, de dificultade media-baixa, discorreu pola Ponte do Souto e o lavadoiro, Campaña, a Mina Mercedes e de regreso cara o CODI polo Carballiño.
Os inscritos recibiron varios agasallos que foron repartidos polo psicólogo do CIM, Sergio Muñiz: chalecos reflectores, chaveiros conmemorativos do 8-M e lapiseiros que tiñan incrustadas no papel do envoltorio sementes de petunias para plantar.