- O alcalde sinalou que os avances cara a igualdade acadados nos últimos tempos “hoxe poden parecer pouca cousa, pero no seu día foron grandes pasos”
- As protagonistas do recoñecemento asinaron no Libro da Muller e recibiron un diploma e varios agasallos
Valga, 14 de marzo de 2025. 
O Concello celebrou esta tarde o acto central conmemorativo do Día Internacional da Muller cunha homenaxe a unha vintena de valguesas destacadas no mundo do deporte, tanto polos seus logros (que levan o nome de Valga por Galicia, España e o mundo) como pola súa condición de pioneiras rompendo barreiras en prol da igualdade ou participando en deportes nos que a presenza da muller aínda non está normalizada.
Porque no deporte, coma noutros moitos ámbitos, as mulleres tiveron que loitar contra a discriminación, marxinadas e excluídas de disciplinas consideradas só para homes, vendo como os seus éxitos eran minusvalorados e tendo que escoitar vexacións e insultos sexistas. En Valga viviuse unha destas batallas, cando tres xogadoras de fútbol de categoría cadete e o Furia A.C. tiveron que enfrontarse á Federación Galega, que lles impedía disputar competicións oficiais cun equipo mixto. Tivo que pronunciarse o Comité Galego de Disciplina Deportiva, que en abril de 1998, ditou unha resolución histórica na que se recoñecía o dereito destas tres xogadoras a non ser discriminadas por razón de sexo e a xogar ao fútbol en igualdade de condicións que os seus compañeiros.
Pero a pesar dos avances, a igualdade real aínda non se acadou. Xogadoras, atletas e árbitras seguen a escoitar expresións despectivas relacionadas coa súa condición de mulleres; a igualdade salarial está moi lonxe; nunha das últimas Supercopas de España as futbolistas tiveron que poñerse elas mesmas as medallas ante a ausencia de autoridades; e que dicir do acontecido trala final do Mundial de fútbol no que a Selección Española feminina se proclamou campioa.
A conclusión é que queda moito por facer e o acto celebrado hoxe polo Concello quere contribuír a novos avances.
As homenaxeadas foron:
 • Diana Rey Martínez (fútbol)
 • Rosa Pardal Aragunde (fútbol)
 • Laura Abalo Bustelo (fútbol)
 • Melanie García González (fútbol)
 • María Arufe Fernández (fútbol)
 • Zoe Santos Aboy (baile e ximnasia rítmica)
 • Elia Loureiro Varela (salvamento e socorrismo)
 • Marta Guimarey Gómez (piragüismo)
 • Valeria Ordóñez Bascoy (piragüismo)
 • Paola Cerneira Oliveira (piragüismo)
 • Inés Villaverde Ferro (piragüismo)
 • Zaira Caeiro Cerneira (piragüismo)
 • Nerea Novo Romero (piragüismo)
 • Aroa Castromán Figueira (motocross)
 • Alejandra Trenco Paz (karate)
 • Andrea Gestoso Castroagudín (karate)
 • Lorena Álvarez Fernández (karate)
 • Ana Otero Losada (karate)
 • Olalla Fabeiro Iglesias (rally)
Todas elas asinaron no Libro das Mulleres e recibiron un diploma e varios agasallos de mans do alcalde, José María Bello Maneiro, e das concelleiras Carmen Gómez, Begoña Piñeiro e Malena Isorna.
O rexedor lembrou que as homenaxeadas son só unha representación de outras moitas deportistas valguesas e destacou que os avances logrados “hoxe poden parecer pouca cousa pero no seu día foron grandes pasos cara a igualdade”:
A cantante Loli Conde, alumna da Escola de Música de Valga, acompañada pola mestra Merram Laginestra ao piano, actuou durante a gala de homenaxe, interpretando os temas “In a sentimental mood”, de Duk Ellington, e “Vanishing”, de Mariah Carey e Ben Margulies.
 
          

 
										 
										 
										







