Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A Xunta xa investiu uns 800.000 euros e está a piques de aprobar un terceiro proxecto na zona da Devesa

- Bello Maneiro salientou que “Valga foi un concello pioneiro na loita contra as inundacións”

DirectorAugas1

Valga, 13 de marzo de 2025.

O director de Augas de Galicia, Roi Fernández, visitou esta mañá Valga para comprobar o resultado das dúas últimas obras executadas pola Xunta de Galicia para reducir o risco de desbordamentos tanto no río Valga coma no río Louro. Na visita tamén participaron o alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira Carmen Gómez, técnicos de Augas e representantes das empresas que executaron ambos proxectos.

En setembro de 2021 o Concello e a Xunta de Galicia asinaron un convenio para investir 1’25 millóns de euros na execución de tres obras hidráulicas incluídas no Plan de Xestión da área de risco potencial de inundacións dos ríos Ulla e Sar: a mellora do río Valga na súa marxe dereita, na contorna do Parque Dios Mosquera; o acondicionamento do espazo fluvial do río Louro, entre a estrada PO-548 e a liña do ferrocarril; e a mellora do tramo do Valga comprendido entre a vía do tren e A Devesa.

As dúas primeiras xa están executadas e as chuvias caídas neste inverno permitiron comprobar a súa eficacia, destacou o director de Augas, que calculou o investimento realizado ata o de agora en arredor de 800.000 euros.

No río Valga, as actuacións consistiron na mellora do muro de contención da marxe dereita, ampliando ademais a canle fluvial e dotándoo de maior altura. Ao mesmo tempo, adoptáronse medidas para mellorar a seguridade neste espazo, de uso lúdico e peonil, mediante a colocación dunha varanda de madeira na canle da marxe esquerda así como unha pasarela para facilitar o acceso á zona de baño minimizando os posibles riscos de caída.

A obra tamén levou aparellado o acondicionamento da canle dun rego afluente do río Valga e a renovación da pasarela peonil de madeira que o cruza, co obxectivo de reducir a erosión e os atoamentos e facilitar a circulación fluída das augas.

No que respecta ao  Louro, executouse o encanamento dun tramo de arredor de 800 metros para ampliar a capacidade deste río, que recolle as augas dunha área de dezaseis quilómetros cadrados dende Carracedo (Caldas), onde ten o seu nacemento, ata a desembocadura no Ulla. Nesta contorna, a existencia de vivendas, fábricas e áreas de cultivo aumentaba a presión sobre a canle fluvial e supuña, polo tanto, un punto crítico no que se producían frecuentes episodios de inundación.

Augas de Galicia, tal e como confirmou o director, está xa a traballar na redacción do proxecto para executar a terceira obra proxectada, que afectará ao tramo do río Valga comprendido entre a vía do ferrocarril e A Devesa. Segundo as previsións da Xunta, a actuación contratarase cara finais de ano para que a execución poida comezar na primavera de 2026.

Durante a visita, o alcalde salientou que Valga foi un concello pioneiro na loita contra os desbordamentos. “Xa na época na que Xosé Cuíña era conselleiro se executaron obras e, despois, conseguimos solucionar o gravísimo problema que afectaba á zona da Devesa, onde ano tras ano tiña que acudir Protección Civil a sacar á xente das súas casas”. Para Bello Maneiro “fomos sempre por diante e levamos a iniciativa na loita contra os asolagamentos. E iso a pesar de que houbo que facer moitos esforzos e expropiacións. Pero a seguridade dos veciños ten prioridade”, concluíu.

DirectorAugas2 DirectorAugas3

Volver