Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O rexedor, acompañado pola concelleira Carmen Gómez, agasallouna cun ramo de flores e unha torta

- A centenaria estivo acompañada por familiares e achegados neste día de celebración

Benilde101 1

Valga, 12 de marzo de 2025.
Dolores Benilde Castaño Bandín, unha das dúas veciñas de Valga que superan o século de vida, está hoxe de aniversario. Cumpre 101 anos e unha representación municipal, formada polo alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez, acudiu a felicitala ao seu domicilio, en Laxes (Cordeiro). Agasallárona cunha torta, na que a centenaria soprou as candeas, e tamén cun ramo de flores.

Estiveron acompañados por familiares e achegados de Benilde, entre eles o seu neto, a súa nora e a súa sobriña. Brindaron pola boa saúde da centenaria, que aínda que con escasa mobilidade, se conserva moi ben e charla con todos e sobre todo, presumindo dunha gran memoria. Así llo demostrou ao alcalde, co que mantivo unha longa conversa sobre a vida de antano.

Tamén conserva unha vista prodixiosa. Dende a súa casa, e sen lentes, “vexo o monte de Laíño, como pasa o tren” pola outra beira do Ulla e “conto os paus”, en referencia aos aeroxeradores da Serra do Barbanza.

Benilde naceu na aldea de Beiro, tamén na parroquia de Cordeiro, pero trasladouse a Laxes cando casou. Tivo un fillo, tres netos e dous bisnetos e durante uns anos residiu tamén na cidade de Pontevedra, onde traballou como cociñeira e rexentou unha pensión para estudantes. A súa foi unha vida dura e marcada pola perda de seres queridos, coma o seu home e o seu fillo.

É a segunda muller máis lonxeva de Valga, despois de María Tarrío, de Eiras, que no pasado setembro cumpriu 102 anos.

Benilde101 2 Benilde101 3

Volver