Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os participantes nas andainas do programa de autocoidados percorreron as instalacións para achegarse ao pasado do noso concello e aos seus persoeiros

- O técnico Santiago Chenlo faloulles das características do territorio, dos vestixios deixados polos primeiros poboadores e da dura pero exitosa vida da Bella Otero

Museo8M1

Valga, 8 de marzo 2025.

Un grupo de veciños, maioritariamente mulleres, que adoitan participar nas andainas do programa de autocoidados conmemoraron o Día Internacional da Muller cunha ruta entre o Auditorio Municipal e Pontevalga, que tivo como colofón unha visita guiada ao Museo para coñecer a historia de Valga, dos seus persoeiros ilustres e o papel xogado polas mulleres na diferentes momentos históricos, sociais e culturais.

Aínda sendo veciñas de Valga, para a maioría era a súa primeira visita ao Museo. Na planta baixa puideron achegarse ao territorio valgués, con 40 quilómetros cadrados de superficie, a través do vinilo que adorna o chan: unha gran imaxe aérea do municipio que sempre esperta a curiosidade dos visitantes.

A continuación adentráronse na historia propiamente dita de Valga, dende as pegadas deixadas en pedras ou tumbas polos primeiros poboadores prehistóricos. O técnico do Museo, Santiago Chenlo, que exerceu de guía, explicoulles as campañas de excavacións arqueolóxicas levadas a cabo na Igrexa Vella e no Mercado dos Mouros, así coma os vestixios que foron recuperados e que agora se expoñen.

No apartado do patrimonio relixioso, salientáronse as principais particularidades das igrexas e capelas existentes nas distintas parroquias, con especial énfase na Capela dos Martores, que para algúns autores é o punto de enterramento do herexe Prisciliano, e tamén nos capiteis do estilo Setecoros que poden verse no Museo, dous deles réplicas pero o terceiro orixinal, doado por unha familia de Ferreirós que o atopou fortuitamente na súa horta.

Por último, chegou o apartado dedicado aos persoeiros ilustres de Valga, en particular Xesús Ferro Couselo e a Bella Otero. A bailarina, que de nena foi vítima dunha agresión sexual e que tivo que fuxir do municipio debido ao rexeitamento social, conseguiu pasar á historia como unha muller forte, pioneira e admirada.

Museo8M2 Museo8M3

Volver