- Unha delegación do centro, á que acompañou o alcalde, desprazouse hoxe a Santiago para plantar o exemplar
- É da variedade Black Magic, con flor vermella
Valga, 7 de marzo de 2025.
A camelia que o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, recibiu como agasallo na súa visita ao IES de Valga con motivo do 25 aniversario do centro xa adorna os xardíns da sede da Xunta en San Caetano. Unha delegación do instituto desprazouse esta mañá a Santiago para proceder á plantación do exemplar. Estivo formada pola vicedirectora, Concepción Paz Ramos, catro alumnos dos ciclos básico de Agroxardinaría e medio de Xardinaría e Floraría e dous mestres. No acto tamén participaron o alcalde, José María Bello Maneiro.
A camelia, da variedade Black Magic e con flor vermella, foi doada polo IES á Consellería “como forma de conmemorar os 25 anos do centro”, apunta o director, Eliseu Mera. Elixiuse unha data axeitada para que o transplante sexa exitoso e o exemplar medre e floreza en San Caetano.
O conselleiro agradeceu ao IES de Valga o agasallo e convidou aos alumnos a manter viva a tradición “que vencella moi estreitamente a Valga coa camelia”. Non en balde, lembrou, a pasada fin de semana celebrouse a mostra dedicada a esta flor “que é unha cita obrigada para os afeccionados e vai xa pola súa décimo sétima edición”.