Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A peza audiovisual é obra dos valgueses Tito Refoxo e Brais do Rei

- É finalista na categoría de Mellor Curtametraxe dos Premios Mestre Mateo

PresentaciónNai1

Valga, 7 de marzo de 2025.

Os valgueses Tito Refoxo e Brais do Rei presentaron onte a súa curtametraxe “Nai”, finalista dos Premios Mestre Mateo, nun acto que tivo lugar no Auditorio do Campus Tecnolóxico Cortizo e ao que asistiron o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez, que acompañaron aos dous autores da peza audiovisual e a todo o equipo de “Nai”, incluídos os actores. A protagonista, Andrea Vilariño, foi galardoada co premio á mellor actriz na última edición do Festival de Cans polo seu papel na curtametraxe que onte se proxectou por vez primeira para o público.

O acto arrancou coa interpretación da peza principal da gravación e a continuación, interveu o alcalde de Rois, Ramón Tojo, xa que foi nesta localidade onde tivo lugar a rodaxe. “Conseguiron facer unha curtametraxe que custou pouco pero vale moito”, dixo o rexedor, que louvou o “talento” do director e o guionista. Ambos cobraron despois o protagonismo para explicar como se xestou este proxecto. “A nosa idea era facer unha película, de feito que hoxe imos ver ían ser os últimos 20 minutos” dese filme que aínda non desbotan realizar. De feito, anunciaron a próxima constitución dunha produtora e “ogallá dentro de pouco poidamos estar gravando esa película”.

Brais do Rei e Tito Refoxo fixeron un alegato a prol das rodaxes no rural. “Non sabemos o que temos”, dixeron sobre as potencialidades que ofrecen pequenos pobos e aldeas como platós de cine. Ademais, tamén fixeron fincapé na importancia da cultura, xa que “nunca sabes onde te pode levar”, dixo Tito Refoxo. E puxo o seu propio exemplo: “Empecei na Escola de Música de Valga, quería ser músico pero non puiden porque non era bo. Pero isto abriume outras oportunidades, coñecín a xente do audiovisual e hoxe teño a sorte de traballar en producións importantes coma Clanes ou Rapa”.

O vindeiro 15 de marzo será cando se dean a coñecer aos gañadores da XXIII edición dos Premios Mestre Mateo, nos que “Nai” é finalista na categoría de Mellor Curtametraxe xunto a outras tres producións. Ademais, está tamén seleccionada no Festival de Roma, chegará a México e Arxentina e, previamente, xa percorreu festivais de toda España.

 

PresentaciónNai2 PresentaciónNai3

Volver