- A mostra reúne dezanove cadros nos que se representan distintas variedades da “flor de Galicia”
- Dúas das obras acaban de ser seleccionadas para o material divulgativo do Congreso Internacional de Tokio
Valga, 5 de marzo de 2025.
Trala mostra da pasada fin de semana, na que participaron trinta e cinco expositores, a camelia continúa sendo protagonista durante todo o mes de marzo no Auditorio, da man de Rosa Crespo na súa faceta de pintora.
A mostra “A pintura é unha delicia” reúne unha colección de dezanove cadros nos que se homenaxea á chamada “flor de Galicia”. Trátase de óleos sobre lenzo nos que a artista reproduce algunhas das variedades que ela mesma cultiva na súa plantación de Valga. Entre as máis salientables, por exemplo, a denominada Crisanta “que é orixinaria de Vietnam e está moi de moda porque, entre as amarelas, é a que ten unha cor máis viva”, explica a artista.
Tamén destacan na exposición as obras tituladas “Agarimo” e “Ledicia”, que veñen de ser seleccionadas para o deseño das láminas que se repartirán no Congreso Internacional de Camelia de Tokio (Xapón). Ademais, a Deputación Provincial e a Sociedade Española da Camelia tamén as repartiron na 60 edición da Mostra celebrada recentemente en Pontevedra, e na que Rosa Crespo resultou gañadora na modalidade de camelias híbridas coa variedade que leva o nome da súa neta, Miriam Escofet, e que ela mesma rexistrou a nivel internacional.
Rosa, que reside en Valga dende fai máis de 30 anos, ten vocación de pintora dende cativa. Os seus estudos de conservadora e restauradora de bens culturais permitíronlle perfeccionar e diversificar as técnicas que aplica nas súas obras, que adoitan ter na natureza un dos seus temas máis recorrentes. Sen dúbida, as camelias son a súa principal fonte de inspiración e teñen un papel preponderante na meirande parte dos seus cadros, ben sexa por si soas ou como parte de bodegóns.
Así pode comprobarse na mostra que permanecerá no Auditorio ata finais de marzo.