- Na exposición poden verse catro variedades orixinarias de Valga que están rexistradas internacionalmente
- O alcalde asistiu á entrega de agasallos e destacou o labor que a asociación “Albor” vén facendo durante máis de 30 anos
Valga, 1 de marzo de 2025.
O Auditorio Municipal énchese durante esta fin de semana de cor coa Mostra da Camelia “Bella Otero”, organizada pola Asociación de Mulleres Rurais “Albor” e que cumpre xa a súa décimo sétima edición. Aínda que orixinaria de Asia, a camelia tense convertido na flor de Galicia por excelencia. A nosa terra conta coas condicións óptimas para o seu cultivo e, por iso, adorna xardíns e abonda nas paisaxes galegas, contando cada vez con máis afeccionados. Coma os que hoxe e mañá expoñen os seus exemplares de múltiples variedades e tamén vistosos centros e composicións florais coa camelia como protagonista.
Coleccionistas particulares, asociacións, centros educativos, ANPAs, e outros colectivos e entidades participan na mostra, que nestas case dúas décadas de percorrido ten contribuído a divulgar e promover o cultivo desta flor a nivel local. Tanto é así que existen catro variedades de camelia orixinarias de Valga que están rexistradas internacionalmente. Unha é a que dá nome á mostra, a “Bella Otero”, de cor rosa forte. As outras tres teñen nome de familiares de Rosa Crespo, presidenta de honra da Asociación “Albor” e promotora da exposición que se celebra anualmente no Auditorio: a súa filla Paula Escofet, o seu marido Jaime Escofet (que tamén é coleccionista) e a súa neta, Miriam Escofet. Esta última, unha flor moi distintiva de cor rosa coral e con petaloides brancos, vén de gañar o primeiro premio de exemplares híbridos na mostra internacional que se celebrou a pasada semana en Pontevedra.
Non foi o único premio desta cita que veu para Valga, senón que Ana Mª Rodríguez, que conta cunha plantación con máis de 120 variedades de camelia en Cerneira, tamén gañou o primeiro premio de presentacións artísticas, cunha mesa que, ademais de flores, incluía cepas de viña e niños.
A exposición abriuse ao público este mediodía e, pola tarde tivo lugar a entrega de agasallos aos participantes, coa asistencia do alcalde, José María Bello Maneiro, e da nova presidenta de “Albor”, Begoña Piñeiro, que ademais é concelleira de Benestar Social. O rexedor destacou o labor que este colectivo vén facendo durante máis de trinta anos, promovendo actividades dirixidas ás mulleres valguesas. Tralo acto, a Orquestra Clásica de Valga ofreceu un concerto.
Mañá domingo a mostra estará aberta de 11:00 a 14:00 horas.