Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O grupo de adultos xa en ensaia en Casaldeirigo “A memoria da terra” e o vindeiro domingo estrea “Pronóstico reservado”

- Os máis pequenos porán en escena unha versión do conto de Cinsenta

escolaa1

Valga, 19 de maio de 2018.

A Escola Municipal de Teatro prepárase para un intenso peche de curso con tres representacións nunha mesma fin de semana, a vindeira, coas que amosarán ao público o resultado do traballo realizado dende o mes de outubro con Manuel Solla Barragáns como profesor. “Foi un curso bo e fluído, cando noutros anos había máis dificultades coa dispoñibilidade de datas e horarios. Para o alumnado foi proveitoso e eu tamén estou satisfeito”, di o mestre. “Agora queda o remate, que as obras saian ben e que lles gusten á xente”.

O grupo de adultos ten dobre traballo. O vindeiro sábado estarán en Casaldeirigo liderando a representación de “A memoria da terra”, obra coa que Iria Esperón Abril gañou o premio de teatro A Guerra da Independencia en Valga. Hoxe os actores das Escola de Teatro e os veciños que os acompañan neste espectáculo teñen por diante unha xornada intensiva de ensaios no adro da Capela da Saúde. Durante a próxima semana están previstos aínda outras dúas probas para que na tarde do día 26, no marco da Recreación da Batalla de Casaldeirigo, todo saia segundo o guión.

O domingo 27 tanto maiores como nenos regresan a escena no Auditorio Municipal. Representarán, a partir das 19 horas e con entrada de balde para o público, “Non queremos perdices” o grupo infantil e “Pronóstico reservado” os adultos. Esta é unha comedia un pouco negra que transcorre nunha habitación de hospital, xunto á cama dunha persoa en coma sobre a que irá descubríndoseunha parte escura. “É unha obra que trata de sorprender ao público”, comenta Manuel Solla.

No que respecta aos rapaces, protagonizarán unha versión do conto de Cinsenta centrada en valores como a igualdade de xénero. “É unha obra con mensaxe e que axuda a traballar a igualdade dende a infancia”, explica Solla Barragáns. O título, “Non queremos perdices”, alude ao tradicional final dos contos clásicos “Foron felices e comeron perdices”.

A representación será todo un reto para os nenos. “Algúns farán varios personaxes, hai momentos de baile e teñen que estar moi concentrados”, indica o mestre. Iso é o que están a traballar nas últimas clases da tempada, repasar o texto e saber o que dicir e o que facer en cada momento da obra.

escolaa2 escolaa3 escolaa4 escolaa5 escolaa6

Volver