Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde lembrou que o Concello xa conseguiu que a concesionaria da autoestrada pague 185.000 euros anuais de IBI

- Na sesión ordinaria tamén se deu conta de varios informes de Intervención relativos aos exercicios 2023, 2024 e 2025

Pandeiretas

Valga, 26 de febreiro 2025.

O Pleno, que se reuniu onte en convocatoria ordinaria, aprobou por unanimidade a moción que formaba parte da orde do día, presentada polo grupo municipal do BNG para realizar unha homenaxe institucional por parte do concello ás cantareiras de Valga con motivo do Día das Letras Galegas.

A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas tres das Pandeireteiras de Mens (Malpica).

É unha representación colectiva coa que se quere recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña á sociedade galega desde sempre e que en Valga tivo tamén moita relevancia. “As mulleres foron figuras centrais na creación, preservación e transmisión da cultura. Tense dito que as pandereteiras son símbolo de resistencia, empoderamento e sororidade. Cantadoras, tocadoras e bailadoras fortalecían os vencellos comunitarios no ocio colectivo, inconscientes, probablemente, da súa forza emocional e política”, sinala a moción na súa exposición de motivos. Mentres que os gaiteiros desempeñaban o seu oficio no espazo público, as pandereteiras tocaban no espazo privado, conforme ao papel asignado ás mulleres na sociedade de entón, engade.

Valga non foi allea a esta circunstancia e numerosas pandereteiras e cantareiras mantiveron a tradición oral ao longo dos anos, contribuíndo de xeito moi importante “á conservación, divulgación e preservación do noso patrimonio cultura, social e histórico e conformando, en conxunto, a identidade do pobo”.

Na sesión deuse conta á Corporación de varias Resolucións de Alcaldía, das actas das Comisións de Coordinación e de ata oito informes de Intervención referidos ao control interno do exercicio 2023, á execución do orzamento de 2024, e ao cumprimento dos pagos de pagamento a provedores.

Na parte final do pleno, o grupo municipal socialista presentou unha moción pola vía de urxencia relativa á autoestrada AP-9, co obxectivo de que Valga se sume á petición, realizada por varios concellos, para que o tramo Santiago-Padrón sexa de balde.

En concreto foron os concellos de Ames, Padrón, Dodro, Boiro, Ribeira, Rianxo e A Pobra do Caramiñal os que asinaron onte mesmo o manifesto “Concellos pola gratuidade da AP-9”, no que propoñen ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a creación dunha mesa de traballo para abordar a supresión paulatina das peaxes na AP-9, priorizando o tramo entre Santiago e Padrón, o que beneficiaría ás empresas locais e tamén aos veciños de Valga que teñen que desprazarse a Compostela por motivos laborais ou de estudos, para consultas médicas ou outros motivos

A moción foi aprobada por unanimidade e o alcalde, José María Bello Maneiro, sinalou que “xa hai tramos da AP-9 nos que as peaxes foron suprimidas ou nos que se estableceron descontos e queremos que os nosos veciños tamén se vexan beneficiados”. Lembrou que o Concello de Valga leva xa tempo traballando conxuntamente con outros municipios galegos en relación á autoestrada e, de feito, conseguiuse que a empresa concesionaria abone a taxa de IBI íntegra, o que supón que 185.000 euros anuais para as arcas municipais.

No Pleno do pasado mes de decembro aprobouse, ademais, a adhesión de Valga á “Asociación de Concellos afectados pola AP-9” para continuar traballando en defensa dos intereses das localidades polas que discorre a autoestrada.

Volver