- Os materiais para executar a actuación adquiríronse con financiación de Mar de Santiago e as obras realizounas o Obradoiro de Emprego
- A concelleira Carmen Gómez comprobou o resultado da actuación, coa que se mellora a seguridade nunha infraestrutura que vai cumprir 23 anos
Valga, 25 de febreiro de 2025.
O embarcadoiro da Pedra Barca, na praia fluvial de Vilarello, amosa unha imaxe renovada tralas obras executadas polo Obradoiro de Emprego Ulla-Umia. Estes traballos centráronse no acondicionamento do acceso ao pantalán flotante, no que a madeira xa daba signos de deterioro pasados case vinte e tres anos dende a súa construción.
Os alumnos do módulo de carpintería, baixo as directrices do experto docente José Oliveira, procederon á substitución tanto dos pisos coma das varandas de seguridade. O novo material empregado foi madeira de abeto tratada con sales hidrófugas para resistir á intemperie e ás condicións da contorna fluvial.
Reforzáronse os pilares e as vigas que sosteñen a estrutura, colocáronse o novo piso e as varandas con bases de aceiro para os balaústres e renovouse un tramo de escaleiras.
Os materiais para executar esta actuación foron adquiridos con financiación de Mar de Santiago
A segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez, e o director do Obradoiro de Emprego, Francisco Gómez, comprobaron o resultado das obras.