Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Cinco novos talentos da música clásica pasaron polo escenario acompañados por unha orquestra con corenta integrantes

- O espectáculo, que recalou por vez primeira en España, contou coa asistencia do conselleiro de Cultura da Xunta

GalaGN1

Valga, 22 de febreiro de 2025.
Máis de oitocentas persoas, gran parte delas valguesas, asistiron esta tarde no Auditorio de Galicia, en Santiago, á Gala Goldene Note, organizada dende Valga polo Concello e o Centro Superior de Música.

Cinco mozos que trunfaron no concurso de talentos Golden Note, da televisión pública de Austria, foron os protagonistas do concerto: Por unha parte, os tres finalistas da última edición: a arpista Amelie Jade Knapp, a oboísta Mira Hanner e o pianista Paul Herbst. A eles uníronse outros dous gañadores de anos anteriores: Soley Blümel (piano) e Raphaël Bleuse (violín).

Entre todos ofreceron un verdadeiro espectáculo musical acompañados por unha orquestra formada para a ocasión con corenta integrantes entre violíns, violas, violonchelos, trompas, trombóns, trompetas, percusión, frautas travesas, oboes, clarinetes, fagots e un director artístico. Á batuta estivo Miran Vaupotić, un director que ten traballado con agrupacións internacionais coma a London Symphony Orchestra, a Royal Scottish National Orchestra ou a Berliner Symphoniker.

A gala, que foi gravada pola TVG para ser emitida tanto en Galicia coma en Austria, tivo como mestra de cerimonias a Leona König, presentadora do certame Goldene Note e presidenta da Fundación Internacional de Música para nenos con altas capacidades. Entre os asistentes estiveron o conselleiro de Cultura, José López; o alcalde, José María Bello Maneiro; os concelleiros Carmen Gómez, Malena Isorna e José Ángel Souto; e os responsables do CSM: o presidente Manuel Villar, o director Simón Ibáñez, e a xerente Mª Jesús Rey.

Mira Hanner, a música máis cativa con 12 anos, foi a encargada de abrir a tarde interpretando o Concerto para oboe e orquestra de Klughardt August e, a continuación, pasou polo escenario Amelie Jade Knapp para tocar o Concerto para arpa de Reinhold Glière. Raphaël Bleuse, co violín, ofreceu a Introdución e Rondó Capriccioso, de Camille Saint-Saëns. Os últimos en demostrar o seu nivel artístico foron os pianistas Paul Herbst e Soley Blümel, que interpretaron os concertos para piano de Grieg Eduart e o nº2 de Beethoven, respectivamente.

Ao remate das actuacións, o alcalde, José María Bello Maneiro, amosouse agradecido con todas as persoas que se desprazaron a Santiago para gozar con este espectáculo (que recalaba en España por vez primeira) e coa calidade destes novos talentos da música clásica, que o rexedor xa coñecía porque na pasada primavera tivo a oportunidad de asistir á gala final de Goldene Note en Viena, na que se anunciou que un dos premios para os gañadores sería unha bolsa formativa no CSM Galicia. Este centro, destacou Bello Maneiro, conseguiu nos seis anos que leva en funcionamento “colocar a Valga no mapa das ensinanzas superiores de música a nivel galego, nacional e internacional, permitíndonos exportar o talento que temos en Valga pero tamén traer a Valga e a Galicia a grandes talentos doutras partes do mundo, coma os que estamos a escoitar”. O alcalde rematou apuntando que “a música une culturas e esta gala é un exemplo”.

O conselleiro, pola súa parte, cualificou como “emocionante” o evento e referiuse ao Centro Superior de Música de Valga como “un proxecto ilusionante” e un exemplo “da capacidade de traballo do alcalde. Para calquera outro parecía imposible, pero é unha realidade”.

GalaGN2 GalaGN3

GalaGN4 GalaGN5

GalaGN6

Volver