Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Elixíronse madreselvas para cubrir a pérgola e a randeeira instaladas fais uns meses

- Amendoeiras, abeleiras e nogueiras completan a plantación de froiteiras na contorna da área de xogos

PlantaciónMM1

Valga, 19 de febreiro de 2025.

O Concello, a través do Obradoiro de Emprego, continúa a realizar traballos de acondicionamento e posta a punto de zonas verdes e áreas de lecer do municipio mediante a realización de rozas, limpezas e novas plantacións coma a que se está a realizar na Mina Mercedes, incorporando novas especies vexetais principalmente na zona do parque.

Estanse a incorporar novos exemplares e especies á plantación de froiteiras iniciada o ano pasado para completala e repoñer algunha das árbores que non arraigaron. Elixíronse para iso amendoeiros, abeleiras e nogueiras. En total, oito plantas.

A estas engadiranse vinte dous exemplares de madreselva. A maior parte delas estanse a plantar aos pés da pérgola de madeira que se instalou fai uns meses para que, cando medren, fagan sombra sobre as mesas e bancos do merendoiro. Esta especie trepadora con flores de varias cores cumpre, ademais, outra función, xa que repele aos insectos e tan só permite a polinización de bolboretas.

As madreselvas tamén se plantarán xunto a randeeira colocada fronte á lagoa, coas mesmas funcións: ornamental e crear sombra.

Debido a que o chan da Mina Mercedes está compactado debido aos recheos e é moi inorgánico, para facer os buratos para a plantación empregouse unha barrena manual para chegar máis fondo e poder aportar maior cantidade de terra vexetal e sustrato, co obxectivo de que as plantas conten con mellores condicións para arraigar. En todas elas se colocaron, ademais, titores para que medren rectas e protectores antifauna.

PlantaciónMM2 PlantaciónMM3

PlantaciónMM4

Volver