Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A conselleira do Medio Rural e o alcalde presentaron esta mañá o proxecto, no que se investirá case medio millón de euros

- Prestará servizo a nivel comarcal a través do Distrito Caldas-Salnés, chegando incluso ao sur da provincia da Coruña

PresentaciónBUO1

Valga, 13 de febreiro de 2025.

A conselleira do Medio Rural, Mª José Gómez, presentou esta mañá en Valga o proxecto da Base de Unidades Operativas (BUO) para a loita contra os incendios forestais que se construirá nos terreos do vello campo de fútbol de Baño, nunha parcela de 3.065 metros cadrados que foi cedida polo Concello para este fin. A representante do goberno da Xunta estivo acompañada polo alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira Carmen Gómez, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e persoal técnico da Consellería, entre eles o arquitecto Jonathan Carreira, que explicou como será esta base.

Será un edificio de 400 metros cadrados divididos en dúas plantas. A baixa contará cun espazo diáfano para os vehículos antiincendios, ademais dos vestiarios, aseos, un almacén e o control de acceso. Na segunda planta ubicarase a zona de descanso para o persoal e tamén unha área de oficinas e sala de xuntas para traballos administrativos.

Este será o primeiro BUO de tipoloxía modular que se constrúa en Galicia, combinando formigón prefabricado e madeira. Este sistema permite unha construción máis rápida, sostible e respectuosa co medio ambiente e facilita futuras ampliacións. O investimento será de preto de medio millón de euros e, segundo as previsións, as obras darán comezo no segundo semestre deste ano e rematarán ao longo do 2026.

As instalacións servirán para acoller e persoal e medios do dispositivo de loita contra os incendios e outros servizos relacionados co sector do monte. Funcionará como un nodo no que confluirán todos os actores implicados nas tarefas de protección forestal, co obxectivo de favorecer a prevención, a detección, intervención rápida e defensa contra os lumes que poidan afectar aos montes valgueses e de localidades próximas. Aloxará dúas motobombas, 4 brigadas e axentes forestais e, ademais, prestará servizo de atención ao público, por exemplo para obtención de permisos e licenzas.

A conselleira explicou que a base de Valga funcionará de forma permanente, sumándose á rede de prevención, detección, intervención e defensa contra os incendios forestais espallada polo territorio galego. Terá unha vocación comarcal, estando ao servizo do Distrito Forestal XIX Caldas-Salnés, aínda que o seu ámbito de actuación poderá chegar incluso ao sur da provincia da Coruña (as comarcas de Padrón e Barbanza).

O alcalde agradeceu á Consellería de Medio Ambiente a aposta que realiza por Valga con este proxecto que, lembrou, “está recollido no Plan Estratéxico do equipo de goberno municipal para esta lexislatura, polo que estamos moi satisfeitos de que vaia a cumprirse”.

PresentaciónBUO2 PresentaciónBUO3

Volver