Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- “Que a nosa primeira producción estea a ter tan boa acollida para nós xa é un recoñecemento”

- O día 15 de marzo coñeceranse o gañadores da XXIII edición dos premios da Academia Galega do Audiovisual

Nai

Valga, 12 de febreiro de 2025.

Valga terá protagonismo na gala de entrega dos premios Mestre Mateo, cos que a Academia Galega do Audiovisual recoñece ás mellores producións do ano. Será a través da curtametraxe de ficción “Nai”, a ópera prima dos valgueses Brais do Rei (Brais Villar Rey, de Magariños) e Tito Refoxo (Tito Castaño Refojo, de Barcia), que ademais é o director da peza. Brais, pola súa parte, participou tamén na banda sonora, como membro do grupo Moura.

“Nai” é finalista na categoría de Mellor Curtametraxe, xunto a outras tres producións, e os gañadores desta XXIII edición dos premios daranse a coñecer o vindeiro 15 de marzo. Pero, independentemente do resultado, “nós coa nominación xa gañamos”, confesa Brais. “Que o primeiro traballo que facemos teña tan boa acollida e, sobre todo, que o público empatice coa nosa historia xa é un recoñecemento de que o traballo foi bo”, engade satisfeito con todo o que están a vivir dende que, fai arredor de ano e medio, puxeron en marcha este proxecto.

Os dous estaban xa relacionados co mundo do audiovisual. Tito Refoxo como actor de series como Rapa, Clanes e outras moitas producións; e Brais a través da música e das artes dramáticas. “Sempre nos gustou moito o cine e o audiovisual en xeral e decidimos dar o salto cunha produción que fora cen por cen nosa. Realmente foi todo moi rápido: escribimos o guión, contactamos cos mellores profesionais dos que puidemos botar man e para adiante”.

O resultado foi “Nai”, unha curta que trata sobre a  non asunción da perda e como isto afecta a unha familia do rural de Galicia. A rodaxe desenvolveuse no concello de Rois, nos lugares da Peruca e no Pazo de Antequeira.

A produción leva meses presentándose en diferentes festivais e “a resposta, en todos os sitios que estivemos, foi  moi boa. Déronnos os parabéns por facer un primeiro traballo deste nivel, que moitas veces é complicado pola falta de recursos ou de experiencia. Para nós foi todo bastante sinxelo e incluso divertido e iso animounos a crear a nosa propia produtora”.

Nai2

Volver