- Mulleres destacadas en diferentes disciplinas serán recoñecidas nun acto no Auditorio
- As propostas de homenaxeadas poden facerse chegar ao Concello ata o día 4 de marzo
Valga, 12 de febreiro de 2025.
A piragüista Nerea Novo, que en 2023 se proclamou campioa do mundo de maratón na categoría C1 júnior, colleitou esta fin de semana un novo éxito: a medalla de ouro en C2 feminino no Campionato Galego celebrado en Verducido. Aroa Castromán vén de recibir o título de campioa galega de Motocross, acadado na pasada temporada na categoría de féminas. Son só dous dos exemplos do potencial que as mulleres e mozas valguesas demostran, día a día, en diferentes disciplinas deportivas.
Por iso, o acto de homenaxe que o Concello organiza anualmente con motivo do Día Internacional da Muller estará dedicado ás valguesas destacadas no mundo do deporte. O recoñecemento será extensivo a deportistas de calquera idade e que practiquen ou practicaran calquera disciplina, na que deixaran o nome de Valga no máis alto ou na que abriran camiño por tratarse de deportes tradicionalmente masculinizados.
O acto celebrarase o venres, 14 de marzo ás 19:30 horas no Auditorio Municipal.
As propostas de homenaxeadas poden facerse chegar ao Concello presencialmente nas oficinas municipais ou a través do número de teléfono 986 55 94 56 (extensións 2019 ou 2021). O prazo estará aberto ata o día 4 de marzo.