- Crearán unha pantalla visual e contra os cheiros arredor da estación depuradora de augas residuais
- Nas últimas semanas, os alumnos desta especialidade traballaron en áreas verdes e camiños, facendo rozas e limpezas
Valga, 11 de febreiro de 2025.
Os integrantes do módulo de traballos forestais do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia, no que participan persoas desempregadas dos concellos de Valga, Moraña e Portas, están a realizar unha plantación na zona das Cernadas, xunto á estación depuradora de augas residuais.
Os aprendices están a traballar baixo as directrices do experto docente da especialidade, José Manuel Picallo, co obxectivo de crear unha pantalla visual, que mellore esteticamente o lugar, e tamén contra os cheiros.
A segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez, desprazouse esta mañá ás Cernadas para comprobar o avance dos traballos.
A especie que se vai plantar é a tuia e, como traballos previos, os aprendices realizaron o replanteo do terreo e o marcado e a apertura dos buracos. Posteriormente introducirán as plantas e aboaranas e, no caso de ser preciso, colocarán titores para que medren rectas e para que o vento non as tire mentres non arraiguen. Para estas tarefas aportarán terra vexetal nas zonas nas que o chan é máis inorgánico, “para propiciar un hábitat axeitado e que as árbores prosperen e non sequen”, explica o docente.
Ademais desta actuación, os alumnos desta especialidades realizaron nas últimas semanas roces e limpezas en áreas verdes e camiños e, proximamente, iniciarán tamén as podas, cando impartan o módulo de tratamentos silvícolas.