Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O psicólogo Sergio Muñiz imparte as sesións, nas que se están a abordar os roles de xénero que aínda perduran ou as leis de igualdade

- Este módulo é complementario ás profesións de carpintería e forestais que están a aprender os 20 alumnos

IgualdadeOEUU 1

Valga, 6 de xaneiro de 2025.

Os participantes no Obradoiro de Emprego Ulla-Umia dos concellos de Valga, Moraña e Portas están a recibir formación en igualdade, un módulo de dez horas de duración que se comezou a impartir onte no Auditorio Municipal e que se prolongará ata o vindeiro mércores, cando terá lugar a avaliación. Esta formación é impartida por Sergio Muñiz, psicólogo do Centro de Información á Muller, e é complementaria aos dous oficios que están a aprender: carpintería e traballos forestais.

Nestas sesións estase a incidir non só no concepto teórico da igualdade, senón especialmente nas dificultades para que esta se faga real e efectiva en diferentes ámbitos, como pode ser o laboral, onde aínda perduran os teitos de cristal, a discriminación ou a segregación.

O docente recalca a importancia que a educación e a formación adquiren á hora de concienciar á poboación en materia de igualdade e para que as mulleres continúen rachando barreiras e superando as dificultades coas que se atopan en diferentes ámbitos e momentos da súa vida, coma a maternidade ou no coidado de persoas dependentes.

Tamén están a abordar os roles e estereotipos de xénero e, dende unha perspectiva máis lúdica, analizaron a imaxe que se proxecta da muller a través da música –tanto nas letras de cancións coma nos videoclips– ou na televisión.

IgualdadeOEUU 2 IgualdadeOEUU 3

Volver