- O Concello e a Xunta investirán case 95.000 euros para seguir avanzando en materia de aforro e eficiencia enerxética
- O proxecto recolle a colocación de 157 placas: 91 na EDAR e 66 no Auditorio
Valga, 5 de febreiro de 2025.
O Concello resolverá nos vindeiros días o concurso público para a subministración e instalación de paneis fotovoltaicos en dúas infraestruturas municipais: o Auditorio e a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), co obxectivo de avanzar cara a eficiencia e o aforro enerxético.
Recibíronse un total de trinta e dúas ofertas de empresas interesadas en executar as obras, que se dividen en dous lotes: o correspondente ao Auditorio, onde se colocarán 66 placas solares, e o da depuradora, na que está previsto instalar 91 paneis para xerar enerxía eléctrica.
Ademais, colocarase un sistema de monitorización que axudará a adecuar o consumo en función do uso e permitirá detectar avarías.
En total investiranse 94.681’92 euros, que serán cofinanciados entre o Concello e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), entidade dependente da Consellería de Economía e Industria da Xunta.
Actualmente xa hai outro edificio municipal que conta con paneis fotovoltaicos, o Museo da Historia. Este sistema, que transforma a radiación solar en enerxía eléctrica, é un dos máis eficientes do sector das renovables e aporta vantaxes tanto económicas como medioambientais.