Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

• Alfonso Rueda estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, a directora xeral de Formación, o delegado da Xunta e o presidente da Deputación na xuntanza con representantes dunha quincena de empresas

• O alcalde amosouse orgulloso de que as firmas “aposten por medrar en Valga”, xa que varias están a desenvolver proxectos de expansión

Empresarios25 1

Valga, 3 de febreiro 2025.
A xuntanza de traballo cos empresarios de Valga que anualmente organiza o Concello para abordar a situación e as principais inquedanzas do sector contou hoxe coa asistencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Acompañárono a conselleira de Medio Rural, María José Gómez; a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado; o delegado territorial, Agustín Reguera; e o presidente da Deputación, Luis Gómez. En representación do Concello asistiron o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Formación e Emprego, Carmen Gómez.

Na xuntanza participaron as empresas Urovesa, Extrugasa, Exlabesa, ODL, Materiais de Construción Dialsea, Distribuciones Lema, Transportes Jamardo, Electricidade Devesa, Montaxes Eléctricas Víctor Castiñeiras, Grupo Barton, Serrerías Rodríguez, Carpintería Valdeza, Transportes Touceda e Galival Music (Centro Superior de Música).

O presidente da Xunta destacou o “potencial industrial” de Valga. “Máis dunha terceira parte do seu produto interior bruto (PIB) provén do sector industrial, algo difícil de ver”, remarcou. Rueda fixo un repaso das principais accións que está a desenvolver a Xunta para atender as principais eivas do sector: dar axilidade á tramitación administrativa de proxectos que non son sinxelos; aproveitar todos os proxectos industriais que aposten por Galicia; loitar contra o absentismo laboral; e dar solución a escaseza de man de obra cualificada mediante unha aposta pola formación a demanda das propias empresas.

Durante a reunión o alcalde amosou a súa satisfacción ao comprobar que as empresas valguesas apostan por medrar no concello: “Uro está en expansión, Extrugasa tamén quere medrar máis e Barton está a estudar a posibilidade dunha ampliación. Isto é un orgullo para nós, pero esgótansenos os terreos que estaban reservados no Plan Xeral para uso empresarial e, por iso temos que tomar medidas”, sinalou Bello Maneiro. Unha delas será ampliara bolsa de solo industrial na contorna de ODL, xa que “hai demada de empresas auxiliares que queren vir para Valga”. E, por outra parte, “seguimos traballando no novo parque empresarial na Medela, unha espiña que temos cravada”. Neste sentido, comentou que se está a construír , a través dun convenio entre o Concello, Extrugasa e Naturgy e cun millón de euros de financiamento da Xunta, o novo transformador que subministrará enerxía eléctrica a ese futuro parque, que aparece recollido no Plan Sectorial de áreas empresariais de Galicia. “No verán estará rematado”, anunciou.

O rexedor agradeceu o apoio económico da Xunta para executar este proxecto e tamén a contribución da Deputación, que financiará as obras de ensanche, dotación de servizos e asfaltado da vía de acceso ao transformador. O Concello encargouse de adquirir os terreos.

Para rematar, o alcalde felicitouse polo nivel empresarial co que conta Valga. “Temos empresas que despuntan a nivel internacional e que están a poñer a Valga no mapa, coma o caso de Uro, Barton, ODL, Extrugasa, Exlabesa e agora tamén o CSM, que actualmente conta alumnos de doce países do mundo”.

Máis aló do ámbito empresarial, Bello Maneiro tamén aproveitou para abordar a situación de varios proxectos de gran importancia para o concello. Por exemplo, “están a punto de licitarse obras por máis dun millón de euros na lagoa Porto Piñeiro”, 600.000 euros de fondos Next Generation aprobados pola Xunta e 700.000 que aporta a Deputación para que “Valga compita turisticamente”.

Empresarios25 2 Empresarios25 3

Volver